Skip to main content
Foz

O delegado do Goberno comprométese na realización de varias obras en Foz

Por 11 Febreiro, 2021Sin comentarios

Reunión virtual entre o delegado e o alcalde de Foz

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, mantivo unha reunión telemática co delegado do Goberno do Estado en Galicia, Javier Losada, que se comprometeu a impulsar o terceiro acceso á vila focense e a construción de rotondas na parroquia de Cangas.

“Quero agradecer ao delegado do Goberno, Javier Losada, a atención que tivo comigo para falar de varias peticións do Concello de Foz, asuntos que se comprometeu a impulsar. A nosa primeira reivindicación foi o terceiro acceso á vila, no que seguimos traballando e do que esperamos que se teñan bos froitos. Tamén solicitamos un empuxón para as rotondas de Cangas que están pendentes e para algúns proxectos, dependentes do departamento de Costas, de paseos marítimos, para os que están as expropiacións xa executadas e que darán un impulso moi importante a ese gran paseo que temos bordeando o noso litoral e que tanto atrae a veciños e visitantes”, manifestou o rexedor municipal.

Fran Cajoto rematou comentando que a xuntanza desenvolveuse “nun ton moi cordial e foi moi construtiva. Quedamos emprazados para seguir en contacto e ver a evolución das distintas xestións e estou moi agradecido”.

AS OBRAS

Javier Losada detallou ao alcalde que o acceso ao núcleo urbano de Foz está actualmente en fase de estudo. Está previsto abordar a actuación, o deseño e o posible financiamento nun próximo encontro de carácter técnico entre o Executivo, o propio rexedor, a Demarcación de Estradas do Estado e a Unidade de Estradas do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana.

Atópase en estudo tamén a posibilidade de crear unha glorieta na Corredoira, no cruzamento entre as estradas N-642 e LU-152. En todo caso, o delegado do Goberno exemplificou o compromiso do Executivo con Foz co aumento de gálibo en catro pontes sobre a N-642 ao seu paso polo municipio ou o reforzo do firme da mesma vía.

A reunión serviu, en palabras de Javier Losada, para abordar as “prioridades en materia de infraestruturas e medio ambiente” do Goberno local de Foz. Entre elas está tamén o carril bici Rapadoira- Peizás e a adecuación da praia Rapadoira- Llás, cun orzamento de licitación de case 460.000 euros, pendente da aprobación definitiva.

O delegado do Goberno comprometeuse “ co alcalde para trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica” as cuestións desta área, que inclúen tamén a obtención de espazos para uso público e a execución dun carreiro peonil entre as praias de Peizás e Pampillosa. Conta cun orzamento próximo aos 16.000 euros e ten previstos avances en materia de execución en marzo.