Skip to main content
Foz

Cajoto proporá ao Pleno a eliminación da taxa de terrazas

Por 24 Febreiro, 2021Febreiro 25th, 2021Sin comentarios

O Concello de Foz debatirá no pleno deste xoves, día 25, unha proposta da Alcaldía para derrogar a ordenanza fiscal por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa, a coñecida coma taxa de terrazas.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destaca que a crise económica derivada da pandemia do covid-19 cebouse especialmente co sector da hostalería. “Criminalizouse a bares e restaurantes, xa desde o mes de xullo do 2020, cando a Xunta responsabilizou do brote da Mariña a tres bares de Burela sen ningún dato. Sabemos da importancia do sector en Foz e somos coñecedores das reivindicacións dos hostaleiros. A forma legal e máis efectiva de non cobrar esta taxa, segundo os servizos xurídicos do Concello, é derrogar a ordenanza fiscal; e iso imos levar a aprobación do plenario, co compromiso de non cobrar as terrazas durante o período dun ano desde que sexa efectiva a orde”.

O rexedor tamén indica que “do mesmo xeito que o ano pasado, vaise flexibilizar o aumento da superficie de terrazas se o espazo así o permite, garantindo e priorizando sempre o paso de peóns e os dereitos de todos os propietarios de inmobles. Agora mesmo as terrazas son fundamentais para que os negocios funcionen minimamente, xa que os aforos no interior son moi reducidos ou elimínanse segundo a incidencia do covid en cada concello. É por iso que temos que actuar de forma responsable, pero facilitando a supervivencia dos negocios. De acordo cos anuncios feitos estamos traballando no reinicio de distintas campañas en colaboración cos hostaleiros e coa Acia local e pedimos a todas as veciñas e veciños que aposten por consumir no concello nuns momentos que non son nada fáciles. Tamén agardamos que quen ten competencias no sector, o goberno autonómico, conceda indemnizacións e axudas efectivas e reais que alivien, polo menos en parte, a carga de endebedamento froito do peche obrigado dos locais”.

Fran Cajoto quere tamén trasladar unha mensaxe de ánimo a todo o sector e pedir unha volta ao consumo responsable, con todas as medidas de seguridade, cando se produza a reapertura dos establecementos.