Skip to main content
Axenda Caducada

Mondoñedo celebra o domingo o 40 cabodano de Álvaro Cunqueiro

Por 26 Febreiro, 2021Febreiro 28th, 2021Sin comentarios

Rexina Vega recibirá este domingo o nomeamento de Cunqueiriana de Honra

O Concello de Mondoñedo organiza este domingo, 28 de febreiro de 2021, os actos de homenaxe a Álvaro Cunqueiro no corenta cabodano do seu pasamento. Os actos comezarán cunha ofrenda floral perante a súa tumba no Cemiterio Vello da cidade episcopal e seguirán no auditorio municipal Pascual Veiga co nomeamento da Cunqueiriana de Honra a Rexina Vega Rodríguez, coa lectura pública da obra de Cunqueiro El año del cometa e coa presentación do libro Arqueoloxía cunqueiriana de Abel Vigo, volume que forma parte da Coleccion Selva de Esmelle da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.

O desenvolvemento dos actos dará comezo no Cemiterio Vello, ás 110.00 horas coa recepción por parte do alcalde de Mondoñedo seguido da ofrenda floral ante a tumba do escritor e intervención por parte das autoridades. Tamén se colocará unha rosa ante a tumba de Leiras Pulpeiro.

Os actos continuarán no auditorio Pascual Veiga ás 11.45 co acto de nomeamento de Cunqueiriana de Honra á profesora da Universidade de Vigo Rexina Rodríguez Vega, con intervención da propia homenaxeada e de Armando Requeixo (coordinador de actividades e publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro), e Alberto García Fernández (concelleiro de Cultura de Mondoñedo).

Ás 12:30 horas dará comezo o Maratón de lectura pública da obra de Cunqueiro El año del cometa, que iniciará Rexina Vega. Ás 13:00 horas será a presentación do libro Arqueoloxía cunqueiriana, volume da Colección Selva de Esmelle. Intervirán no acto César Cunqueiro González–Seco (escritor e fillo de Álvaro Cunqueiro); o profesor Felipe Debasa Navalpotro da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid; Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro) e Abel Vigo García (autor da obra e arqueólogo do Concello de Mondoñedo).

Estes actos de homenaxe a Álvaro Cunqueiro son públicos e celébranse observando as medidas sanitarias establecidas para a covid-19, co que os aforos serán limitados. A entrada ao auditorio municipal será controlada e permitirase acceso ao público ata completar o aforo posible dentro do cumprimento das normas anti-covid-19.