Skip to main content
Alfoz

O Plan Único destinarase a melloras na fonte da Grela e equipar o centro social de Alfoz

Por 10 Febreiro, 2021Marzo 11th, 2021Sin comentarios

Centro sociocultural de Alfoz

O Concello de Alfoz ten deseñado xa o plan de investimentos para os cartos do Plan Único. De feito esta semana será o Pleno o encargado de refrendar a proposta do grupo de Goberno e que ten un orzamento total de 149.635,51 euros.

Así, o proxecto reparte os cartos en catro eixes principais. Por unha parte hai un grupo de traballos baixo o epígrafe de alumeados.  Son obras e instalacións necesarias para dotar de alumeado público varios barrios localizados en distintas parroquias do Concello. En todos os casos trátase de ampliacións ou reformas en instalacións existentes. Ademais, nalgúns outros casos trátase de unificar unidades co fin último de baixar o número de contratos de subministración.

As localizacións onde se farán son Gatofero, A Grela, O Rizal, A Cruz e Pazos (na Lagoa); Acivro, Faián de Abaixo, A Croa e Rozas (O Pereiro); Río das Donas, na parroquia de Oiras, As Leas, Canaledo e O Castrillón, en Bacoi; Barral, Santa Mariña, Correlos e O Liñar (A Granda), en San Pedro de Mor e A Orden, en Adelán.

Así mesmo, continuarán con traballos de pavimentación de accesos a varios núcleos rurais como Vao, A Grela, Correlos, Couto de Abaixo, A Lama, A Nespereira, Canadouras e A Cabanela.

Otra das obras previstas é a rehabilitación da Fonte da Grela, onde se realizarán traballos de rehabilitación e restauración da fonte. Trátase dunha edificación que orixinariamente ten sido unha fonte pública, que nos anos setenta converteuse nun lavadoiro veciñal. Nesa época cubriuse o espazo colindante coa fonte e habilitáronse catro lavadoiros.

A última partida irá destiñada para equipamento para o centro social xuvenil e da terceira idade. A intención é a adquisición de mobiliario para a Biblioteca Pública de Alfoz, nova iluminación para o escenario do salón de actos para o que se adquirirán vinilos e estores. Tamén se realizará a renovación de luminarias do centro social e a substitución de fluorescentes por led.