Skip to main content
Ribadeo

Acisa Ribadeo firma un convenio con APE Galicia

Por 12 Febreiro, 2021Sin comentarios

Acisa Ribadeo ven de asinar un convenio coa Asociación de Pequenas Empresas de Galicia para desenvolver actividades de asesoramento e formación.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifesta que “ambas entidades traballaremos conxuntamente para a elaboración de propostas relativas a materias de interese xeral ou sectorial dos autónomos, dando como servizos información, formación, fomento da empregabilidade, implantación de sistemas de calidade e novas tecnoloxías, entre outros. A través deste convenio, os nosos asociados poderán participar en actividades de carácter formativo que se desenvolven desde a APE. Ademais poderemos ofrecer aos nosos socios a participación en campañas, seminarios, estudos e xornadas”.

Pérez Prada subliñou que “probablemente o servizo máis destacado e de maior importancia é dispoñer dun departamento xurídico de asesoramento, co fin de prestar asistencia técnica no ámbito xurídico e de calquera outro tipo que se poida precisar. Este convenio abre unha nova porta á presenza de Acisa no marco autonómico, podendo participar nos foros de debate e opinión, así como nas reivindicacións e ser actor directo na formación que afecta aos autónomos, ampliando deste xeito os nosos esforzos na defensa dos intereses da pequena empresa”.

Exención de taxas municipais

O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, Francisco Iriarte, agradeceu ao Concello de Ribadeo “que, tras a nosa petición realizada o pasado venres, esta mesma semana teña anunciada a exención de taxas aos locais afectados polos peches. E por iso animamos a todas as empresas afectadas a solicitalo. Esta medida, xunto coa exención das taxas de terrazas xa contemplada, é sen dúbida un alivio para a hostalería e que axudará a moitos negocios”.

Iriarte Quintana engadiu: “estou seguro de que, nos próximos días e semanas, Concello e Acisa seguiremos traballando xuntos nos diferentes asuntos que nos preocupan, tanto para os empresarios de Ribadeo como para a propia asociación, tal e como vimos facendo ata o de agora. A experiencia dinos que o traballo e o esforzo conxuntos entre ambas entidades dá como resultado grandes beneficios para a economía local”.