Skip to main content
Ribadeo

Denuncian o uso indebido do Faro da Illa Pancha de Ribadeo

Por 15 Febreiro, 2021Febreiro 23rd, 2021Sin comentarios

Ecoloxistas en Acción demanda á Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao que indague como se concedeu permiso de explotación do Faro da illa Pancha sen o Estudo de Impacto Ambiental preceptivo. O propio Defensor do Pobo corrobora na súa resposta que non consta que fora elaborado o obrigado Estudo de Impacto Ambiental preceptivo.

O colectivo explica que a lexislación portuaria parte da regra xeral de prohibición de uso habitacional ou residencial, coincidindo co tenor da Lei de Costas que sinala que no dominio público portuario só poderán levarse a cabo actividades, instalacións e construcións acordes cos usos portuarios e de sinalización marítima, de conformidade co establecido ns Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante.

Din que os requisitos legais que permiten o eventual levantamento da prohibición para o seu uso hostaleiro deben obedecer a razóns de “interese xeral” debidamente acreditadas. En todos os casos, ha de intervir preceptivamente Portos do Estado emitindo o correspondente informe, o cal debe ponderar os motivos que xustifican a implantación do uso hostaleiro, e a súa harmonización co interese xeral informado pola Autoridade Portuaria.

Ecoloxistas en Acción reclama á Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao o informe no que se recollan os motivos que xustifican a implantación do uso hostaleiro e a súa harmonización co interese xeral. Ademais solicitan copia da autorización da Dirección Xeral da Costa e o Mar pola ocupación do dominio público marítimo-terrestre. A organización ecoloxistas sinala que no expediente debe constar tamén a autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Natural ou, no seu defecto, do departamento que corresponda da Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Na denuncia presentada Ecoloxistas en Acción solicita á Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao que se ordene incoar o correspondente procedemento sancionador e que na resolución que recaia no mesmo, ademais das sancións que procedan, impóñase ao infractor a obrigación de reparar o dano causado, e subsidiariamente, que indemnice os danos e prexuízos que non poidan ser reparados, impoñéndose ao infractor as multas coercitivas necesarias para cumprir o ordenado, en caso de non realizar voluntariamente a reparación ou indemnización impostas.

FARO DA ILLA PANCHA

A dous quilómetros da localidade de Ribadeo (Lugo) localízase a illa Pancha. Esta illa está na parte máis occidental da Ría de Ribadeo e alberga un faro construído no 1857, operativo ata 1983 e dependente da Autoridade Portuaria de Ferrol – San Cibrao.

Este enclave ten recoñecidas varias figuras de protección como Zona Especial de Conservación, Humidal Protexido, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Reserva da Biosfera, Zona Húmida de Importancia Internacional, e Zona de Especial Protección das Aves.

A illa alberga os dous faros de Ribadeo. O antigo foi construído no século XIX e posteriormente substituído polo actual a finais do século XX. Segundo algunhas guías turísticas, está considerado como un dos faros máis fermosos de Galicia e tamén é o primeiro deles entrando nesta comunidade desde Asturias. Forma parte do Roteiro dos Miradoiros. Ademáis a illa está a 8 quilómetros da praia das Catedrais, declarado Monumento Natural segundo a Orde do 5 de xullo de 2020 da Xunta de Galicia de julio de 2020.