Skip to main content
Ribadeo

Acisa Ribadeo crea un escaparate e un menú dixitais

Por 23 Febreiro, 2021Sin comentarios

Acisa Ribadeo crea o escaparate e o menú dixital, dous novos servizos cos que pretende facer publicidade e promoción gratuíta dos seus socios nas redes sociais, ademais de manter informados a veciños e visitantes da oferta gastronómica, así como das novidades comerciais.

Segundo comenta Jesús Pérez, xerente de Acisa, “pretendemos desta maneira ampliar a promoción que xa fai cada un deles nas súas propias redes, chegando a máis potenciais clientes. Acisa conta cun número elevado de seguidores en Facebook e moi diversos, o que axudará a que os seus servizos e produtos cheguen a máis xente. O que se pretende con isto é que todos os días, de luns a venres, a iso das 12:30 no Facebook de Acisa Ribadeo todo o que queira poida consultar as cartas ou calquera novidade gastronómica dos nosos socios a través do menú dixital”.

Pérez Prada indica que “o escaparate dixital está destinado ao comercio e aos servizos. Será útil para quen queira comprar ou estar ao día de ofertas, produtos, descontos ou novidades no comercio. Todos os venres a última hora da tarde publicarase o escaparate dixital de Acisa tamén no noso Facebook”.

O xerente de Acisa alude aos bos datos cultivados esta pasada fin de semana: “a proba desta primeira semana deu uns resultados positivos, tendo en conta a situación da hostalaría e o comercio en xeral, que limita a mobilidade e os servizos para promocionar, pero estamos seguros de que nas próximas semanas crecerá, sendo así unha perfecta guía gastronómica e catalogo comercial. De feito, se todo vai como esperamos, contamos amplialo para cando a hostalaría reabra e crear o menú dixital de fin de semana, coas propostas dos nosos socios”.

O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, considera que “nestes momentos de limitacións, nos que é case imposible facer campañas ou eventos, temos que seguir traballando por ofrecer servizos aos nosos socios. Sen dúbida este, o da publicidade e promoción gratuíta en redes sociais, cremos que pode ser enormemente beneficioso. Como asociación ademais debemos seguir optando pola modernización, a dixitalización e a ampliación de horizontes que nos axuden a facer unha asociación máis completa e dinámica”.

Iriarte Quintana anima “a todos os socios e socias a participar desta iniciativa. Os socios e socias xa coñecen a dinámica do servizo, pero aínda así a xerencia está á súa disposición para resolver calquera dúbida”.

E lembra que “desde hai un tempo traballamos para aumentar o número de seguidores nas nosas redes porque sabemos que son un gran escaparate para os nosos asociados, así nolo din. A xerencia cada vez é máis activa e traballamos co obxectivo de ter a maior rede social do municipio, algo que sabemos que non é nada fácil”.

Desde Acisa Ribadeo indican que este pode ser outro gran motivo para asociarse.