Skip to main content
Trabada

A alcaldesa de Trabada acusa ao PP de negacionista coa pista de pádel

Por 17 Febreiro, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez aféalle ao PP a súa actitude negacionista con respecto ao proxecto da pista de pádel. Por iso lembra que “este proxecto foi redactado en maio do 2020 e incluído no Plan Único da Deputación, polo que ademais de estar a disposición do PP de Trabada tamén está a disposición dos grupos políticos da Deputación e nese proxecto xa se indicaba o emprazamento”.

Afirma que actualmente o espazo no que se sitúa a pista de pádel está ocupado por unha antiga pista deportiva en desuso, onde antigamente se practicaba fútbol afeccionado, porque o campo non cumpre coas medidas regulamentarias.

“Despois de que o PP de Trabada enterrara 357.000 euros nun campo inservible déronse conta de que o campo non cumpría coas medidas regulamentarias. Por iso debería caerlles a cara de vergoña pola súa falta de previsión, de planificación e de mala xestión. E agora, como podemos comprobar este é o modelo de xestión que seguen defendendo os populares”, engade.

“Así nos deixou as instalacións o PP de Trabada, nada máis chegar tivemos que levar a cabo as obras de reparación no muro de contención nas piscinas municipais do Concello de Trabada, por importe de 12.245,91 euros para garantir a seguridade dos usuarios das mesmas. E dende que chegamos ao Goberno traballamos incansablemente, e non paramos de xestionar fondos que nos permitiran rehabilitar os inmobles que os populares nos deixaron en mal estado ou literalmente caendo. E sobre todo intentamos darlle utilidade a aqueles espazos que non a tiñan, como é o caso que nos ocupa; e tamén conservando aquelo que tiña utilidade. Ademais, queremos remarcar que estas instalacións contan con vestiarios e un pequeno local, e ambas dotacións manteranse porque entendemos que son útiles”, afirma.

Nova dotación deportiva para os veciños

Mayra García indica que o principal obxectivo do proxecto é proporcionar ao municipio de Trabada e a todos os seus veciños e veciñas unha nova instalación deportiva para a práctica dun deporte en auxe como é o pádel. “E lembramos que facémolo porque é unha demanda veciñal, e ao mesmo tempo dámoslle utilidade a un espazo que non o tiña. Tamén queremos avanzar que o Goberno Municipal de Trabada está traballando en impulsar  máis proxectos para este emprazamento”.

“Por último, queremos convidar unha vez máis ao PP de Trabada a sumarse ao traballo e ao esforzo que require a política municipal e atender ás demandas das nosas veciñas e veciños, máxime nunha situación como a que estamos vivindo. Enviar comunicados aos medios para criticar proxectos que melloran a calidade de vida da nosa veciñanza non é a mellor opción, tendo en conta, que o proxecto inicial deste campo de fútbol nin sequera cumpría coa normativa”, conclúen.