Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro pedirá a Abanca que non peche a oficina de Celeiro

Por 17 Febreiro, 2021Sin comentarios

O grupo de goberno do Concello de Viveiro levará ao próximo pleno municipal unha moción para “rexeitar o peche da oficina de Abanca en Celeiro” e requerir á entidade financeira que reconsidere a súa decisión.

“Non tiñamos constancia do peche, a entidade comunicouno cando xa era efectivo e lamentamos a decisión”, afirma o grupo de goberno, que espera a unanimidade dos grupos no apoio á moción.

En Celeiro viven unhas 1.300 persoas e era a única oficina bancaria que quedaba aberta. “Non temos competencias pero defenderemos os intereses dos veciños e veciñas, non todo podo decidirse en función da rendabilidade e os beneficios, é un servizo importante que se perde”, engade o grupo de goberno.

O concello lembra que “non todas as persoas teñen habilidades dixitais e terán que desprazarse á oficina de Viveiro, en Celeiro quedará un caixeiro para sacar cartos ou pagar recibos, pero non é o mesmo”.

“As oficinas físicas aínda son importantes para moitas xestións, pechalas é unha perda de servizos importante, por iso demandaremos a Abanca que reconsidere a medida”, remata o grupo de goberno.