Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAViveiro

María Loureiro: “Daremos axudas a empresarios con perdas superiores ao 75%”

Por 17 Febreiro, 2021Decembro 18th, 2023Sin comentarios

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, fala do impacto da covid na localidade.

Viveiro é unha das localidades da provincia onde o virus golpeou en toda a súa extensión durante as diferentes vagas. A alcaldesa da vila, María Loureiro, explica cal é a vía para volver á normalidade.

Para Viveiro foi especialmente dura a pandemia?

Sufrimos todos os peches, o xenérico do 15 de marzo, o de xullo para toda a comarca, aínda que a Viveiro non nos afectou moito; houbo outro peche en novembro, que remitiu rápido e moi ben, e despois o gromo da ponte da Constitución, que se detectou no ámbito familiar, e de novo en decembro. É certo que estamos sufrindo as consecuencias, evidentemente sempre acatamos as restricións da Xunta e do Goberno central, pero tamén é certo que para a economía é un pau importante.

Onde repercutiu máis?

En Viveiro non se celebrou ningunha festa importante, como a Semana Santa ou o Resurrection Fest, que é unha fonte de ingresos para o Concello. E logo tivemos os peches puntuais e a redución de aforo. Hai que ter en conta que en Viveiro máis do 50% do emprego pertence ao sector servizos. Creo que aínda non se sabe a repercusión que pode ter. Cando pase todo isto, tememos que haberá moitos negocios e comercios que non poderán volver abrir. É unha situación delicada en todo o territorio español e en toda Galicia, e a nós tamén nos está afectando.

Por qué pensan que tiveron tanta incidencia na zona?

Con respecto á Mariña, nun principio íamos con retraso coa incidencia, en marzo non tivemos apenas nada e iso dá lugar a un relaxo. En xullo, apareceron casos noutros municipios pero Viveiro seguiu sen positivos, pero con esta situación é inevitable. O gromo forte de decembro creceu rapidamente porque eran moitas persoas relacionadas co mesmo positivo. O bo deste caso, se iso se pode dicir,  foi que todos saíron do mesmo, que non houbo gromos illados. Conseguiuse que as residencias non tivesen gran incidencia, en ninguna das dúas que temos aquí. Houbo casos illados, contaxiados no hospital pero non deron para adiante. Hai que engadir as reunións familiares no Nadal, o 90% dos veciños e veciñas de Viveiro cumpriron coas medidas pero si que  un tanto por cento pequeno non cumpriu e fixo moito dano.

Por onde debe ir a forma de saír de toda esta crise?

Penso que tanto a  nivel xeral e incluso mundial, ten que haber un plan de recuperación para todo o sector servizos porque  a crise vai ser importante. En Galicia debe haber unhas axudas importantes. Creo que agora, gran parte do problema e dos gastos ocasionados por esta pandemia son para os concellos. Estamos asfixiados, é verdade que non se celebraron festas e que aforramos o diñeiro, pero aumentou a partida de emerxencia social,  tivemos que axudar a moitas familias que quedaron no paro, sobre todo ao principio, os ertes retrasáronse varios meses para cobrar. Todo isto aumentou o gasto. Nós acatábamos as normas da Xunta de Galicia como as desinfeccións continuas nos baños públicos, nas praias, nos parques e todo isto ocasionounos uns gastos que non estaban previstos. A Xunta de Galicia deu algo para desinfección, 9000 euros para os concellos, pero non chegaba.Logo se tiveron que poñer mamparas, xel hidroalcohólico, máscaras e todo iso seguiu aumentando o gasto. Temos tamén uns ingresos que deixamos de percibir, como o da piscina municipal, que aínda que non dá beneficios co que ingresamos serve para o mantemento. No conservatorio de música deixamos de cobrar as cuotas. Aínda así sacamos un plan de liñas de axudas para os autónomos que se viron obrigados a pechar. As primeiras foron en maio. Nun primer momento non sabíamos a embergadura desta crise nin o número de empresas que se viron afetadas, sacamos unha partida de 400.000 euros pero só se destinaron 200.000 euros, que se achegaron a aquelas persoas que se viron obrigadas a pechar por real decreto. Agora imos sacar novas axudas, e as faremos extensibles a aqueles negocios, que aínda que non pecharon na pandemia, si tiveron perdas de máis do 75%. Din que os concellos teñen que axudar, pero estamos asfixiados. Temos que seguir mantendo os servizos, aumentan as partidas de gastos cos que non contabamos e creo pero para iso están as administracións superiores, a Xunta de Galicia e o Goberno central.

Que proxectos municipais puideron sacarse adiante malia a covid?

Viveiro é un Concello que ten unha débeda importante e todos os anos temos que amortizarla. Coas axudas que nos chegaban do Plan Único da Deputación facíamos obras. Este ano, practicamente dedicamos parte destas axudas aos gastos por covid. Obras que tiñamos pensado facer, pequenas obras de arranxo, saneamento, pavimentación tiveron que quedar aparcadas. Aínda así, fixemos cousas,  pequenas obras en zonas rurais, en parroquias para facilitar  o día a día aos cidadans. Pero houbo outras que non se puideron facer porque as partidas presupuestarias tiveron que destinarse para as liñas de axudas da covid. É dicir, priorizamos no seu momento. Este ano, aínda que seguimos igual e nos sabemos a trascendencia que pode ter, temos proxectos e pequenas obras que imos facer. Pola covid está todo un pouco paralizado. A pandemia condicionounos a todas as administracións.

E cal é o urxente agora?

O Concello segue traballando no día a día, pensando no futuro. Estamos traballando na tramitación do Plan Xeral, tratando de axilizalo para ver si se pode aprobar. Coa situación económica que estamos vivindo, cremos que o plan é importante e contamos facer a aprobación inicial este ano 2021, para que Viveiro siga crecendo. É un dos proxectos máis importantes para o futuro do noso Concello. Seguimos traballando tamén na homologación do Camiño do Mar. Viveiro é un dos concellos que máis puxamos por el. Estamos en contacto con Patrimonio xa que en esta situación de crise, para a comarca da mariña e Viveiro, tendo un sector servicios importante, cremos que esta homologación de Camiño Norte, co ano Xacobeo que se vai prologar ao 2022, sería moi bo.

Seguimos traballando con Xestur para ver como encauzar esta segunda fase para o parque empresarial, como traer máis industria ao Concello, porque tamén é verdade, que o parque empresarial de Viveiro chegou en unha profunda crise e agora está ao ralentí.  Tamen temos un porto importante que é o porto de Celeiro. E unha das empresas importantes para o Concello e con todo esto queremos traballar nese senso.