Axenda LUGOXACastroverde

Oito veciñas de Castroverde protagonizan un documental para o Día da Muller Traballadora

Por 23 Febreiro, 2021Sin comentarios

Oito mulleres emprendedoras do municipio de Castroverde son as protagonistas do documental ‘Nós, as mulleres’ co que o Concello quere conmemorar, o vindeiro 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora.

O traballo audiovisual subirase na mesma xornada do día 8 á canle de youtube, a páxina web e o perfil de facebook do Concello de Castroverde co fin de “render unha homenaxe” a todas as mulleres traballadoras, e particularmente ás do municipio.

‘Nós, as mulleres’ recolle o testemuño de oito veciñas de Castroverde, que desenvolven o seu traballo en diversos sectores, e que relatan neste documental as súas experiencias e as dificultades que puideron atopar á hora de poñer en marcha os seus negocios.

As protagonistas do documental, que quedará na páxina web e nas redes sociais do Concello de Castroverde para todo aquel que o queira ver, son Estrella Ramos, propietaria de Ramos Casanova S.C.; María Nogueira, fotógrafa; Manuela Castedo, ama de casa; Rocío Fernández, propietaria de Rocío Selección; María Otero, propietaria de Súper Otero; Manuela Vázquez, propietaria de Entidade de Aconsellamento Agriña; e Maribel e Marisa Fernández, propietarias da casa de turismo rural A Longarela.