Skip to main content
Antas de Ulla

Asinado o convenio para a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla

Por 26 Febreiro, 2021Marzo 3rd, 2021Sin comentarios

O alcalde e representantes da Xunta visitaron a parcela na que se construirá o centro sanitario

Paso adiante de cara á construción dun novo centro de saúde en Antas de Ulla. O alcalde do municipio, Javier Varela, e mailo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinaron este venres un convenio de colaboración para a execución do proxecto, que conta cunha partida de 155.000 euros nos orzamentos autonómicos para o presente ano.

Está previsto que o novo centro de saúde teña unha superficie construida total de 850 metros cadrados, o que supón practicamente triplicar a superficie do actual ambulatorio da localidade, con 317 metros cadrados. O proxecto inclúe a ampliación dos espazos das consultas e a incorporación dunha sala polivalente, que non existe no actual centro. Contaría deste xeito con dúas consultas de medicina, dúas de enfermería, unha sala polivalente, outra de toma de mostras, e unha sala de xuntas.

Por medio do acordo asinado esta mañá, o Concello de Antas de Ulla comprométese a realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios, co fin de posibilitar a cesión patrimonial ao Sergas dunha parcela libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario, un proceso que xa ten avanzado.

Pola súa parte, o Sergas, deberá licitar o proxecto e, posteriormente, a obra de construción, un proceso que se prevé iniciar “de inmediato”.

O  municipio de Antas ten na actualidade unhas 1.610 tarxetas sanitarias, das que 95 son de pacientes en idade pediátrica.