Skip to main content
Lugo

ENTREVISTA. “Gustaríame que o graffiti estea sempre presente na miña vida”

Por 28 Febreiro, 2021Marzo 3rd, 2021Sin comentarios

Diego AS, cun dos seus murais

O lucense Diego Anido Seijas, máis coñecido como Diego AS, comezou a súa andadura no mundo do graffiti cando aínda era un adolescente. Desde entón, foi perfeccionando a súa técnica ata converterse nun dos grafiteiros máis recoñecidos e galardoados no panorama nacional. Co seu traballo contribuíu a que en Lugo se deixase de vincular, de xeito case automático, graffiti e vandalismo.

Falamos con Diego AS da súa experiencia no mundo do graffiti, un xeito de expresión artística do que vive a día de hoxe.

Cando te iniciaches no mundo do graffiti?

Empecei sobre o ano 2004, coas miñas primeiras sinaturas pola cidade e en muros onde non molestabamos a ninguén. Máis profesionalmente, sabendo que me quería dedicar a isto, no ano 2010.

Realizaches estudos vencellados coa arte, inflúen dalgún xeito na túa obra?

Fixen un ciclo superior de Gravado na Escola de Artes Ramón Falcón e comecei Deseño. Esa formación axudoume a mellorar e a saber presentar os traballos dun xeito máis profesional, e tamén a madurar a obra antes de poñerme a realizala. Digamos que o que aprendín na escola Ramón Falcón me axudou a centrar a miña obra, pero creo que a arte é un proceso continuo de aprendizaxe.

É o graffiti o teu medio de vida?

No ano 2010 decidín empezar a facer traballos por encargo, xa que moita xente demandábame para os seus negocios despois de ver as miñas obras libres na rúa. Ao principio seguía traballando como empregado en empresas de diseño, tanto colocando vinilo como deseñando no pc. No ano 2015, vendo que a demanda seguía aumentando, decidín darme de alta como autónomo e vivir disto. Teño épocas moi movidas, como é o verán, e outras máis tranquilas, que aproveito para preparar proxectos no estudio tranquilamente e ir creando contido de cara á seguinte temporada estival.

Cal é o último graffiti que realizaches? E sabes xa cal será o próximo?

O último graffiti que realicei foi no colexio de Paradai, onde nos dan liberdade para pintar. En canto ao próximo, agora mesmo non teño ningún planeado, porque estou inmerso noutras obras no estudio con técnicas como óleo e acrílico. En definitiva, estou aprendendo novas técnicas que sempre me chamaron a atención e, este ano, apeteceume poñerme con elas, despois de levar tantos anos coa técnica do spray.

A actual situación sanitaria, marcada pola pandemia do coronavirus, está a influír no teu labor como grafiteiro?

Non, a verdade é que nese aspecto non noto ningún cambio, xa que é un oficio podería dicirse que bastante solitario e, ao final, se queres seguir adiante non podes contar con ninguén, senón frearíache a túa obra. Gústame estar esperto e non pensar que a pandemia me pode frear, ou que sexa un problema no meu oficio. O que si noto é que me dan gañas de facer obras sobre esta situación, pero ao final nunca o fago porque me entristece, e creo que iso xa está moi metido na sociedade como para recalcar o tema.

Os teus traballos poden verse en numerosas rúas de Lugo, pero tamén noutras ciudades?

Si. En Galicia teño traballos en todas as cidades, ben porque as fixen nas rúas aproveitando visitas a amigos, ou ben porque son traballos que me encargaron. Fóra de Galicia tamén se poden ver en Málaga, Barcelona, Londres, e nalgunha outra cidade máis.

Cal lembras como unha das localizacións máis especiais?

Podo dicir que as miñas mellores obras, ou alomenos ás que máis cariño lles teño, están todas en Lugo. Ao final vivo aquí e encántame pintar en Lugo.

Que é o que máis che gusta pintar e de onde sacas a inspiración?

Podería dicir que o que máis me gusta pintar son caras facendo acenos, ou senón obxectos que me gusten polas súas formas ou colores, e con moito contraste. Isto pode ser o que máis me gusta pero non teño unha obra definida. A xente non me coñece por un estilo na obra precisamente. Cambio dependendo da época da miña vida.

Canto tempo pode levar facer un mural de grande formato, como o que fixeches en Duquesa de Lugo, por exemplo?

Depende da présa que lle meta (ri), pero aproximadamente son dous días de traballo.

Gustaríache dedicarte toda a vida ao graffiti?

Pois nunca mo plantexei, prefiro vivir o día a día. Teño máis inquedanzas na vida e outros proxectos artísticos que non teñen que ver co graffiti ou a pintura mural, pero si me gustaría que, dun xeito ou doutro, o graffiti esté sempre presente na miña vida. Sempre me deu moitas alegrías.

Como grafiteiro… onde está a liña entre arte urbana e vandalismo?

Eu creo que diferenza é simple. Vandalismo é cando pintas un mobiliario urbano ou algo que estea ben e que, con esa acción, o destrozas, ou cando provocas que teña que haber un gasto para arreglalo despois da pintada. Eu particularmente son dos que lles encanta ir a sitios abandonados e pintalo todo, pero está abandonado, ninguén mira para ese espazo e ti, sen embargo, daslle un cambio a mellor. Non o comparto, pero recoñezo que para algún grafiteiro destrozar as rúas coa súa sinatura é arte…

GALERÍA DE FOTOS