Skip to main content
Comarca LUGOXA

Arrinca a limpeza das marxes da estrada LU-530

Por 15 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Xunta prevé iniciar esta semana os traballos de roza e limpeza na estrada LU-530, que une Lugo e Castroverde pasando polo Burgo, para completar as tarefas que se levaron a cabo en días pasados nesta vía de titularidade autonómica.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Os traballos céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario, e realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As intervencións teñen como obxectivo potenciar o efecto cortalumes das estradas, aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade, e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.