Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXA

O PP reclama avances nas variantes da liña ferroviaria Lugo-Ourense

Por 23 Febreiro, 2021Sin comentarios

Os deputados populares polas provincias de Lugo e Ourense, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, Celso Delgado e Ana Vázquez, respectivamente, rexistraron no Congreso unha proposición non de lei na que reclaman ao Goberno central un “decidido impulso” ás melloras previstas na liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, licitando e adxudicando as actuacións pendentes e avanzando na tramitación administrativa das variantes de Rubián (Bóveda) e Os Peares-Canabal, “confirmando a súa execución e concretando un cronograma críble para a súa posta en servizo”.

Estas variantes implicarían unha redución de ata 23 minutos no percorrido dos 117 quilómetros que separan ambas as dúas capitais, ademais de posibilitar que os cidadáns lucenses aproveitasen a conexión do AVE en Ourense e viaxaran ata Madrid en pouco máis de tres horas e cuarto.

A iniciativa parlamentaria, que se poderá debater na Comisión de Transportes, parte da “fundada preocupación que temos de que o Executivo central abandone ou aprace sen data definida a execución das dúas variantes”, sinalan os deputados lucenses, “o que estamos a ver na recente resposta evasiva e sen concreción do ministerio ás catro preguntas formuladas sobre o momento administrativo destes proxectos e as datas que manexa para a súa licitación, na que se nos di que a incorporación dunha nova liña ou tramo á rede ferroviaria de interese xeral require a aprobación dun estudo informativo”.

Lembran os populares que a mellora da conexión ferroviaria entre Ourense, Monforte de Lemos e Lugo, foi presentada en maio de 2018 polo entón ministro de Fomento Íñigo de la Serna, explicando as actuacións que xa se estaban levando a cabo e os programadas para mellorar substancialmente esa liña. Así, en infraestruturas, expuxera a adecuación e reforzo das pontes, a definición do resto das estruturas, a análise dos túneles existentes para a intervención na súa adecuación, reforzo e adecuación de gálibos, o tratamento das trincheiras e terrapléns. Tamén dera conta da situación naquel momento, que fora encargada a redacción do proxecto, e falara da renovación da superestrutura de vía no trazado completo actual, informando que estaba o proxecto en redacción. De la Serna informara, ademais, que se deberían suprimir os 36 pasos a nivel dando conta que estaba en fase de adxudicación o expediente para a redacción dos proxectos. Explicara, a este respecto, as actuacións para realizar en materia de electrificación, dando conta de que estaban os proxectos en fase de redacción.

E finalmente informou que estaba a se desenvolver o estudo informativo para definir as mellores alternativas en dous ámbitos: no tramo entre Ourense e Monforte de Lemos, a Variante dos Peares – Canabal; e, no tramo entre Monforte de Lemos e Lugo, a Variante de Rubián.