A Xunta amplía ata os 7 millóns de euros a dotación da liña de axudas dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para facilitar a súa actividade e que sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a covid-19. Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), cun reforzo de 4 millóns de euros, búscase asegurar a cobertura do maior número posible de investimentos que están a realizar os establecementos no acondicionamento dos espazos exteriores e na posta en marcha do servizo de vendas a domicilio ou para levar.

Tal e como subliñou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, esta ampliación dá resposta á enorme demanda e interese que se ten espertado no sector esta convocatoria, con apoios do 80% do investimento.

O programa ofrece apoios directos a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 28.

Entre as características das solicitudes de apoios presentadas ata agora, destaca a dimensión dos proxectos de adecuación dos exteriores, xa que unha parte importante dos restaurantes e cafeterías solicitantes acometeron reformas substanciais nesa parte dos seus locais. As axudas facilitadas polo programa poden destinarse a cubrir os gastos e investimentos realizados para instalar pechamentos estables ou elementos desmontables que sirvan de illamento ou protección, renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e  aparatos calefactores nas terrazas, así como de mellora da fachada exterior dos establecementos.

En canto aos apoios destinados a sufragar os gastos de adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, é de salientar a gran cantidade de solicitudes presentadas, o que indica que unha parte relevante dos establecementos hostaleiros da Comunidade incorporaron ou reforzaron este servizo entre as súas actividades.