Skip to main content
Antas de Ulla

Os socialistas de Antas agardan que o proxecto da residencia sexa “unha realidade”

Por 15 Febreiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

Antas de Ulla celebraba estes días o anuncio da Xunta en relación á vindeira licitación das obras de reforma dos actuais apartamentos tutelados do municipio para crear unha residencia de 58 prazas.

O grupo municipal do PSOE vén de amosar tamén a súa satisfacción polo anuncio do Goberno autonómico xa que “é unha mellora necesaria para moitos galegos que agardan praza nun centro público, e de xeito singular para os veciños de Antas e concellos da contorna, ao mesmo tempo que é unha esperanza de futuro laboral para persoas que viven no noso concello e que unha vez esté rematado o centro poden atopar un posto de traballo” pero lamentan que a dotación “chegue con máis de 25 anos de retraso” á vez que din agardar que finalmente “sexa unha realidade”.

Neste senso, a voceira socialista en Antas, Pilar García Porto, advertiu que “o noso Concello precisa inversións sólidas de futuro e emprego, pero tamén o compromiso certo de que os proxectos que se anuncian pola administración autonómica estean acompañadas coa correspondente asignación orzamentaria para poder executalas”.

O grupo socialista pedirá no vindeiro pleno “explicacións” sobre o modelo de residencia que se pretende crear, “xa que fai anos o alcalde sinalaba como unha proposta que tanto a residencia como o centro de día compartiran espazos. Por iso convén coñecer cal é o modelo elixido, para saber si as prazas tanto do centro de día como da residencia van a ser para persoas válidas ou tamén para dependentes”, sinalan.

 DOTACIÓNS SANITARIAS

Pilar García Porto aproveitou tamén para denunciar as “carencias sanitarias” que sofre o municipio. Nesta liña, lembrou a aprobación por unanimidade, nun pleno extraordinario, da cesión dunha parcela municipal á Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde. “Pero advertimos, que tal e como puidemos comprobar nos orzamentos da Xunta, non hai nin unha soa partida adicada a esta nova dotación sanitaria da nosa vila”, lamenta.

Os socialistas insisten ademais na necesidade de “contar permanentemente con 2 médicos no centro médico, así como no servizo de enfermería, sobre todo cando teñen que atender aos pacientes no domicilio ou aparece algunha urxencia”.

Noutra orde de cousas, o PSOE de Antas demanda que se cambie de ubicación, ou cando menos se realice unha “mellora integral” do espazo actual da Escola Infantil municipal, así como que se executen reformas que acaben coas goteiras na Casa da Cultura, “e permitan un uso axeitado deste espazo adicado aos colectivos culturais”. Propoñen ademais que se permita ás distintas entidades a utilización de espazos en desuso “como a rede de casas escola, que ademais revitalizaría as aldeas”.