Skip to main content
Antas de Ulla

Ava critica o retraso nos orzamentos municipais de Antas de Ulla

Por 18 Febreiro, 2021Sin comentarios
A convocatoria do pleno municipal que hoxe mesmo se celebra no concello de Antas non sentou nada ben á Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (Ava). Primeiro, porque a sesión será presencial e, segundo, polos puntos incluídos na orde do día.

Ava laméntase de que a reunión do pleno sexa presencial e non por vía telemática, tal e como o seu grupo e mailo do PSdeG tiñan solicitado por escrito semanas atrás, ao consideralo “a mellor opción para non facer depender a convocatoria dos plenos das circunstancias sanitarias”.

En canto ao contido da sesión, a Alternativa Veciñal de Antas de Ulla fala dunha “democracia á carta”. Critica que non se incluira na orde do día a súa pregunta sobre o novo centro de saúde, un proxecto que o Sergas e o Concello de Antas anunciaron fai un ano coa sinatura dun protocolo de colaboración, nin tampouco o rogo para que as voceiras da oposición “participen da información e toma de decisións” da chamada ‘comisión da covid’.
Si se debaterá no pleno un rogo de Ava en relación aos paneis informativos e unha pregunta sobre a “limitación” no uso dos espazos municipais ás distintas asociacións e colectivos do municipio. “Precisamente as dúas iniciativas que menos os comprometen”, din, en alusión ao goberno local encabezado polo popular Javier Varela.
Ava non entende tampouco que, estando en febreiro, non se inclúa na orde do día a aprobación dos orzamentos municipais para este ano. “Deberan terse aprobado antes do remate do 2020, son fundamentais para o axeitado coidado e funcionamento do municipio pero non hai nin rastro deles na orde do día”. A Alternativa Veciñal de Antas di que “os anuncios triunfalistas da Xunta”- en relación ao anuncio da vindeira licitación do proxecto para crear unha residencia de 58 prazas nos actuais apartamentos tutelados da localidade- “non suplen o día a día do Concello: pistas municipais, traídas de auga ou arranxo de instalacións coma a casa da cultura, que está nun estado calamitoso”.