Skip to main content
Baleira

O BNG rexeita o “desmantelamento sanitario” no Cádavo

Por 4 Febreiro, 2021Sin comentarios

O PSOE de Baleira denuncia o “desmantelamento sanitario” que, ao seu ver, están sufrindo os veciños e veciñas do municipio ao “non estarse atendendo aos pacientes diarios no centro de saúde, mais que por vía telefónica, e estarse derivando aos doentes ás urxencias hospitalarias, que poden colapsar por esta situación”.

A voceira socialista no Concello, Laura Burgué, considera que, en Baleira como no resto de municipios da provincia, “existe un alto índice de poboación envellecida que precisa asistencia sanitaria nos seus domicilios, xa que por mor da pandemia fáiselles máis difícil o desprazamento, e que non están sendo atendidos como precisan”.

Burgué denuncia que “en plena pandemia da covid-19, os concellos pequenos como o de Baleira, son os que máis estamos comprobando a lamentable situación da sanidade da nosa provincia. Cun só médico no centro de saúde do Cádavo para atender a máis de 1.200 veciñas e veciños, e no suposto de que este sanitario tivese que saír a realizar unha urxencia, o centro de saúde queda sen ningunha asistencia médica, esta é a única realidade da provincia”.

Ademais, a toda esta situación hai que engadir que “por mor da baixa médica que existe nestes momentos no centro de saúde do Cádavo, os doentes temos que convivir cun facultativo novo cada pouco tempo, o que encarece a nosa asistencia sanitaria”, di Burgué.