Skip to main content
A Fonsagrada

A residencia de maiores da Fonsagrada celebra o sábado o seu primeiro aniversario

Por 9 Febreiro, 2021Xuño 21st, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo celebrará o vindeiro sábado, día 13, o primeiro aniversario do Centro de Atención a Maiores da Fonsagrada con actividades de lecer para a comunidade da residencia. A efeméride coincidirá cunha data especial para a localidade fonsagradina, posto que nesa fin de semana tería lugar a Feira do Butelo, suspendida polas restricións sanitarias provocadas pola crise sanitaria da Covid-19.

As 25 persoas que residen no CAM da Fonsagrada festexarán este primeiro ano de convivencia cun menú especial a base de butelo e produtos típicos da zona. Ao longo de toda a xornada desenvolveranse tamén diferentes actividades destinadas a amenizar a festa, como a representación dunha obra de teatro ou unha sesión de baile, ademais de variadas sorpresas.

Co fin de seguir extremando as precaucións, non estarán permitidas as visitas de familiares e amigos, pero a institución provincial anima a enviarlles estes días aos usuarios e usuarias os seus parabéns en forma de carta, foto ou vídeo, que se mostrarán durante a celebración do aniversario e supoñerá “unha maneira de animalos e de estar preto deles” nunha data tan especial.

Para este fin, os responsables do centro poñen a disposición da veciñanza o whatsapp dos números de teléfono 616 471 524 e 608 572 886, o seu correo electrónico, camfonsagrada@deputacionlugo.org, e o enderezo postal: Residencial Rois, rúa Parque 15 (27100, A Fonsagrada).