Skip to main content
A Fonsagrada

Acusan ao Concello da Fonsagrada de “elixir a dedo” as pistas que se arranxan

Por 16 Febreiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

O PP da Fonsagrada denuncia “o caciquismo que reina no noso Concello” e acusa ao goberno local de elixir “absolutamente a dedo” as pistas municipais que se arranxan.

O voceiro popular, José Luís Regueiro, asegura que as propostas do equipo de goberno “non se ateñen a criterios obxectivos”, e advirte que “o Grupo Municipal Popular non entrará no xogo de seleccionar o arranxo de pistas atendendo a amiguismos”. Asegura que as estradas municipais a mellorar foron seleccionadas polo BNG e mailo PSOE, “o que demostra que A Fonsagrada está gobernada, na práctica, polo bipartito”, di, “e iso significa que o BNG continúa a ser o apoio necesario do goberno local socialista, a pesar de ter posto en dúbida a transparencia na xestión municipal”.

O grupo popular propón que o Concello estableza un sistema “para recoller as propostas dos veciños sobre as necesidades das estradas municipais”. Deste xeito, din, poderíase estudiar cada caso e “establecer prioridades” para actuar atendendo a criterios obxectivos. “Non pode ser que o arreglo das estradas municipais se asocie a un partido ou a outro. Dende o Grupo Municipal Popular o que queremos é que se atenda a tódalas necesidades na medida do posible”, explica Regueiro.

Segundo explica, son moitas as estradas de titularidade “que están deterioradas e que non foron incluídas para arranxar este ano”. Como exemplos, cita a estrada que comunica O Muradal con Pacios de Mourisco, a pista de San Pedro de Río a Redrollán, a estrada Lamas-Arroxo, os accesos a Coto de Lamas e Airexa de Piñeira, ou as pistas de Rieiro á Pastoriza e da Tumbiadoira a Castro de Lamas. Algunha delas fora incluída na proposta do PP para a comisión de obras do ano pasado.

INSENSIBILIDADE COS NEGOCIOS LOCAIS

Os populares achacan tamén ao goberno local “ter abandoado ao noso tecido económico” demostrando “insensibilidade” cara aos negocios máis afectados polas medidas adoptadas para frear a pandemia do coronavirus.

Neste senso, lembran que o goberno local “non tivo en conta” a proposta recollida nunha moción do PP “sobre apoios aos autónomos, comerciantes, hostaleiros, gandeiros e outros sectores do municipio afectados pola crise da covid-19”. A proposta instaba ao goberno local a crear un plan de axudas con cargo ao Plan Único da Deputación “se o Concello non dispoñía dos fondos necesarios”.