Skip to main content
A Fonsagrada

O Concello da Fonsagrada prevé reabrir a biblioteca mentras o PP di que “non hai quen a atenda”

Por 24 Febreiro, 2021Febreiro 26th, 2021Sin comentarios

O Concello da Fonsagrada prevé reabrir a biblioteca municipal a vindeira semana. Confirmouno o alcalde do municipio, Carlos López despois das críticas do grupo municipal do Partido Popular asegurando que as instalacións levan pechadas “desde decembro por non contar cun profesional que as atenda” e sen que o Concello “teña previsto cubrir a praza no futuro”.

A bibliotecaria, din, está de permiso por baixa maternal e a xestión do Concello está a ser “tan deficitaria” que as funcións desa profesional “chegaron a ser desempeñadas un tempo pola traballadora da Oficina de Turismo, o que supuxo unha sobrecarga de traballo”.

Biblioteca municipal da Fonsagrada

Os populares lamentan que o peche da biblioteca supón deixar aos máis novos da zona sen o servizo de reforzo e apoio que o centro lles viña ofrecendo. “Non entendemos como se pode renunciar a unhas dependencias tan necesarias e básicas coma estas, xa que a Biblioteca alberga ordenadores, conexión á internet, e é un punto de encontro de moitos veciños para facer consultas de todo tipo, incluso para o reforzo escolar”, explica o voceiro popular, José Regueiro.

REAPERTURA DO SERVIZO

Consultado sobre esta cuestión, o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, recoñece que a biblioteca está pechada, pero “como todas, atendendo ás medidas adoptadas precisamente pola Xunta” desde finais de xaneiro para tentar frear a propagación da covid-19.

O rexedor socialista asegura estar á espera de que se formalicen, mediante a súa publicación no DOG, as novas medidas incluídas no plan de desescalada anunciado esta semana por Sanidade e, “se non hai novidades”, a biblioteca reabrirá as súas portas “o martes da semana que vén”.