Skip to main content
A Fonsagrada

O alcalde da Fonsagrada acusa á Xunta de “torpedear” os proxectos do Concello

Por 28 Febreiro, 2021Sin comentarios

O alcalde da Fonsagrada, o socialista Carlos López, acusou este domingo á Xunta de Galicia de “torpedear os proxectos” do municipio. Estas manifestacións chegan despois de que o rexedor mantivese unha xuntanza de traballo co delegado territorial da Xunta en Lugo, a quen lle solicitou a cesión do pavillón polideportivo do IES Fontem Albei, dependente da Consellería de Educación, para que sexa utilizado pola veciñanza. O rexedor lembra que é a segunda vez que solicitan estas instalacións “e seguimos recibindo a negativa por resposta”.

Carlos López explica que os estudantes do instituto da localidade veñen empregando o pavillón municipal do Concello para as clases de educación física “desde fai máis de 25 anos”, xa que o pavillón do centro “non é apto, polo seu estado actual” para a práctica deportiva.

O Concello da Fonsagrada orzamentara a cantidade de 36.000 euros a través do Plan Único da Deputación para a construción de dúas pistas de pádel, para as que agora solicitaban novamente a cesión do pavillón do instituto. “O fin era reformalo e realizar as cubertas da instalación”, di o alcalde, “pero ante esta segunda negativa da Xunta, vémonos na obriga de construílas noutro emprazamento”.

O rexedor fonsagradino denuncia que “agora as veciñas e veciños da Fonsagrada vémonos na obriga de disfrutar dunhas pistas de pádel ao aire libre, e mentres, a Xunta seguirá cun edificio en estado de total abandono na nosa vila, sen deixar a toda veciñanza disfrutar del”.

A negativa, segundo López, fará que o Concello da Fonsagrada teña que investir “preto de 100.000 euros” para cubrir as pistas de pádel nun futuro, “debido a falla de sensibilidade do Goberno de Feijoo cos proxectos do noso Concello”, rematou.