Skip to main content
Lugo

O Campus de Lugo ofrece novos cursos de dramaturxia e fotografía

Por 1 Febreiro, 2021Febreiro 2nd, 2021Sin comentarios

Campus de Lugo

O Campus de Lugo acollerá este mes de febreiro novos cursos sobre dramaturxia, escrita de guións, fotografía social e de rúa, e elaboración de marionetas.

O prazo de inscrición nas distintas actividades formativas, que se desenvolverán en liña ou de xeito presencial en función da evolución da situación sociosanitaria, está aberto no enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es. Tamén se pode obter máis información a través do número de teléfono 982 821 513.

DRAMATURXIA E GUIÓNS

O obradoiro de Dramaturxia, impartido por Ernesto Is, comezará o vindeiro  día 10 e desenvolverase de xeito telemático, o mesmo que o obradoiro de marionetas que xa está a impartir Marga Portomeñe e para o que aínda hai prazas dispoñibles.

A área de Cultura da USC mantén tamén na súa programación para o Campus lucense un curso sobre escritura de guións. O guionista Pepe Coira será o encargado de impartir esta seminario, que se desenvolverá en liña, agás que a situación permita a celebración de sesións presenciais, os venres desde o 26 de febreiro ata o 7 de maio en horario de 17.00 a 20.00 horas.

O obradoiro combina aspectos teóricos e prácticos e ten como principal obxectivo familiarizar os alumnos coas particularidades da escrita do guión, un texto que é, sobre todo, unha ferramenta para a elaboración dun proxecto audiovisual.

FOTOGRAFÍA

A fotografía completa o abano de disciplinas artísticas que abrangue a oferta formativa programada pola USC para as próximas datas en Lugo. As persoas interesadas teñen a posibilidade de achegarse á sétima arte a través do módulo formativo de fotografía de rúa e social que impartirán a partir do día 19 de febreiro Marcos Loopez e Adra Pallón.

Baixo a premisa de “a facer fotos apréndese… facendo fotos”, Loopez e Pallón presentarán aos participantes os coñecementos teóricos imprescindibles para logo practicar a fotografía na rúa. Inspirándose nos grandes fotógrafos e fotógrafas de rúa e sociais da historia, a metodoloxía do curso impartido por Loopez e Pallón contempla a visualización de cartafois, fotolibros e vídeos sobre fotografía. Está previsto que as sesións se desenvolvan na Casa do Saber de Lugo en horario de tardes.