Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo convoca 9 prazas de acceso libre

Por 3 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo abordará “de xeito inmediato” a convocatoria de 9 prazas de acceso libre para as categorías de ordenanza, celador/a de colexio público, técnico/a da administración xeral e enxeñeiro/a industrial.

En concreto, o executivo local convocará, para incrementar a dotación de persoal municipal: 2 prazas de ordenanza, unha delas reservada a persoas con discapacidade; 4 prazas de celador/a de colexio público, con dúas reservadas a persoas con discapacidade; 2 prazas de técnico da administración xeral; e outra de enxeñeiro/a industrial.

As bases específicas para os catro procedementos selectivos, que se desenvolverán nos vindeiros meses, foron aprobadas esta mañá pola xunta de goberno local.

A edila de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que estes procesos enmárcanse dentro “do plan de acción social deseñado pola alcaldía, co que se pretende non só modernizar a institución senón poñer a súa eficiencia ao servizo da cidadanía, sendo máis áxiles, máis accesibles e aumentando tamén a calidade e o número de prestacións dispoñibles”.

Lembrou que para a consecución dese obxectivo neste último ano se foron construíndo as bases que permitirán levalo a cabo, entre os que destacou a “imprescindible entrada en vigor da Relación de Postos de Traballo, marco de regulamentación indispensable para estruturar axeitadamente os recursos humanos do Concello”. Referiuse tamén Alvarellos á posta en marcha do sistema de fichaxe, “que posibilitou o control presencial e unha maior fiscalización sobre a conveniencia da realización de horas extraordinarias que, neste 2021 queremos reducir ao mínimo”.

A edila engadiu que a existencia da RPT permitiu igualmente prover as xefaturas de área e materializar a convocatoria das distintas Ofertas Públicas de Emprego, “coa finalidade de ir dimensionando adecuadamente diferentes departamentos ou Corpos tan importantes como a Policía Local ou os Bombeiros, hoxe cun número de efectivos moito máis acorde á carga de traballo que asumen e aos cocientes de poboación do municipio”, concluíu.