Skip to main content
Lugo

Lugo ilumínase de verde contra o cancro

Por 4 Febreiro, 2021Sin comentarios

Este xoves, 4 de febreiro, conmemórase o Día Mundial contra o cancro e son moitas as iniciativas e administracións que queren amosar públicamente o seu respaldo a esta causa e, por suposto, o seu apoio ás persoas afectadas pola enfermidade. En Lugo, é o caso do Concello de Lugo e da Deputación provincial que, como xesto simbólico, esta noite procederán a iluminar de cor verde as fachadas da casa consistorial e do Pazo de San Marcos.

O Concello de Lugo e a Deputación colaboran deste xeito na iniciativa organizada pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) co fin de visibilizar esta enfermidade.

O Día Mundial contra o cancro conmemórase cada ano o 4 de febreiro, como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra esta doenza. O obxectivo final da conmemoración é concienciar á poboación da importancia da investigación, como tamén do diagnóstico precoz da enfermidade.

O cancro pode considerarse como un dos problemas sanitarios, sociais e económicos máis importantes que ten o noso país. Cada ano diagnostícanse en España en torno a 275.000 casos novos e existen ao redor de 1,5 millóns de persoas afectadas pola enfermidade.

A Deputación de Lugo vén de asinar un convenio de colaboración coa AECC para sufragar con 12.000€ o equipamento e mobiliario dun espazo activo de atención para as persoas enfermas de cancro e as súas familias. Este espazo é pioneiro e permitirá que as persoas interactúen con outras que superaron a enfermidade nun ambiente non hospitalario.