Skip to main content
LugoPalas de Rei

Comezan as obras para mellorar a estrada que une Lugo e Palas

Por 4 Febreiro, 2021Sin comentarios

Obras que se están executando na LU-P-2901

A Deputación Provincial iniciou esta semana os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-2901, que conecta Lugo con Palas de Rei pasando polo Burgo.

A actuación, que conta cun investimento de preto de 85.000 euros, conlevará a reapertura de cunetas, drenaxe e aglomerado en quente en 2 quilómetros deste vial, entre os puntos quilométricos 3,340 e 5,400, á altura do concello lucense. O proxecto dá continuidade á mellora doutro tramo de 3,3 quilómetros, que se acometera recentemente.

Desde a institución provincial aseguran que os traballos que se veñen de iniciar  beneficiarán dun xeito especial aos centos de veciños das parroquias de Xanaz, Castrelo, A Retorta, Poutomillos, Bacurín, San Pedro de Mera e Vilachá de Mera pero servirán tamén para favorecer as comunicacións e o día a día das persoas de toda a zona, así como aos peregrinos que empregan esta estrada provincial por situarse ao pé do Camiño de Santiago.

Está previsto que os traballos se executen nun prazo de 9 meses, aínda que se poderían rematar antes se as condicións climatolóxicas son favorables.

O presidente da Deputación, José Tomé, asegura que “seguimos demostrando que unha das prioridades deste Goberno é a mellora das comunicacións. Cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, en tempos de crise, a obra pública debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e que axude a manter ou crear emprego”.