Skip to main content
Lugo

Seguen as obras para renovar a rede de augas en Lugo

Por 5 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de adxudicar as obras de renovación das redes de abastecemento e saneamento nas rúas Bataneira e Figueira. Os traballos, que foron adxudicados á empresa Construcciones Sanle Lugo S.L., contan cun investimento dalgo máis de 79.000 euros e teñen un prazo de execución de 3 meses.

A actuación enmárcase dentro do plan municipal que o Concello de Lugo está a desenvolver co fin de erradicar a presenza de fibrocemento nas canalizacións da cidade, e para o que se consignaron 1,2 millóns de euros.

Os traballos que se veñen de adxudicar nas rúas Bataneira e Figueira suporán principalmente a substitución de 15 tubaxes actuais por outras de fundición co obxecto de “seguir apostando por infraestruturas máis eficientes que incrementarán tamén a calidade da prestación que xa se ofrece”, segundo sinalou o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos.

O edil referiuse tamén ao plan conxunto que, segundo explicou, “suporá a substitución dun total de 7.080 metros de tubaxes concentrando, fundamentalmente, os esforzos nas contornas de Fingoi, Marina Española e a Cheda, por ser os barrios nos que se producen a maior parte das avarías que teñen orixe en seren as conducións de fibrocemento”.

Santos deu conta tamén de que o cronograma establecido pola área de Medio Ambiente para a execución das tarefas previstas neste plan continuará desenvolvéndose por Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, a marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e boa parte do barrio da Cheda, que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara.