Skip to main content
Lugo

Concello de Lugo e CHMS avanzan no Plan Paradai

Por 7 Febreiro, 2021Sin comentarios

Barrio de Paradai

Máis de 20 anos despois de que o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia asinasen un convenio co fin de unir os barrios de Paradai e As Gándaras, o Concello e maila Confederación Hidrográfica do Miño-Sil veñen de concluír a redacción do acordo co que se abordarán as actuacións necesarias para seguir avanzando no chamado Plan Paradai.

O convenio, que será aprobado o vindeiro mércores pola xunta de goberno local, ten por obxecto a execución dos estudos, proxectos e obras que permitan reducir o risco de inundación durante as crecidas producidas polo río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira. Así mesmo establécese o réxime da posterior entrega das obras para o mantemento e conservación das mesmas.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez sinalou que “a finalidade das actuacións que recolle este convenio abranguen a redacción dun proxecto que permita mellorar a capacidade de desaugadoiro do tramo canalizado do río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira”, actuando sobre a sección canalizada do tramo situado augas arriba do caixón de formigón que discorre baixo a calzada, para aumentar a súa capacidade modificando a xeometría actualmente existente.

No proxecto, dixo, “estudarase, así mesmo, a procedencia de actuar da mesma maneira no tramo de río canalizado augas abaixo da glorieta”. Desta maneira, dase unha solución aos problemas da rotonda que une Serra de Meira co vial da ponte de Paradai, obra que fora executada pola Xunta no ano 2015 e que a Confederación paralizara por non ser legalizable.

O ORZAMENTO

O investimento total para a execución das obras estímase en 650.000 euros, dos que a CHMS achegará 487.500 euros, o que supón unha porcentaxe do 75%, e o Concello o 25% restante, 162.500 euros.

A Confederación Hidrográfica afrontará, con eses cartos, o custo de execución da obra, dirección e vixilancia da mesma, ademais dos gastos correspondentes ás medidas de seguridade e saúde estimados. Correspóndenlle, tamén, á CHMS licitar, adxudicar e xestionar os contratos da obra e servizos precisos, así como as demais actuacións necesarias para executar o convenio ata a súa terminación definitiva así como realizar, unha vez rematadas as obras, a recepción das mesmas.

Por outra banda, será responsabilidade municipal o mantemento e conservación das obras obxecto do acordo e a aprobación do proxecto construtivo, redactado pola Confederación, de forma que substitúa ao outorgamento da licenza municipal, no caso de que esta resultase necesaria.

Unha vez coñecidos cales son os terreos necesarios para materializar a intervención, o Concello de Lugo e a CHMS acordarán a forma de adquisición dos mesmos e a súa posta a disposición para a execución das obras. Ata o momento da entrega das actuacións, establerase unha Comisión Mixta que estará composta por un representante de cada unha das partes e que terá entre os seus cometidos o seguimento, vixilancia e control da execución do acordo.

O convenio entre Concello de Lugo e Confederación Hidrográfica terá unha duración de catro anos que poderá ser prorrogado, en caso de que sexa necesario, por catro anos máis.