Skip to main content
Lugo

Piden a exención dos recibos municipais para os negocios pechados pola pandemia en Lugo

Por 8 Febreiro, 2021Sin comentarios

O PP de Lugo pide ao Concello a exención ou a bonificación dos recibos de lixo e da auga para os negocios que levan preto dun ano pechados por mor das restricións adoptadas pola pandemia sanitaria.

Os populares fanse eco así das queixas de varios establecementos da cidade, boa parte deles locais de ocio nocturno, que tiveron que pechar en marzo de 2020 “e que dende entón non puideron abrir nin un só día a súas portas”. Pese a todo, din, o Concello séguelles cobrando os recibos integramente a pesares de que non fixeron ningún uso destes servizos municipais.

Para o voceiro popular, Ramón Carballo, a postura da alcaldesa neste asunto “é intolerable” xa que hai moita xente que o está a pasar moi mal “e o Concello de Lugo ten que facer todo o que estea nas súas mans para axudar aos veciños da cidade nestes momentos tan complicados”.  Ao seu entender, “xa non valen escusas como que é preciso manter eses recibos para cadrar ingresos e gastos, xa que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo poden evitar gastos innecesarios para axudar aos lucenses”, asegura.

Entre eses supostos gastos innecesarios, o popular lembra “a suba salarial do 2% que a alcaldesa e o vicealcalde se regalaron, o gasto de máis de 100.000 euros en dous vehículos oficiais de alta gama ou os 21.932,34 euros que se gastaron en cadeiras e mesas de deseño, e cinceiros de 300 euros para o xardín do CEI-Nodus”.

Ramón Carballo lembra que o seu grupo ten presentado dende marzo outras tres propostas previas co fin de eximir de determinados recibos aos autónomos e pequenos empresarios que non poden traballar debido ás restricións sanitarias derivadas da covid, pero todas foron rexeitadas por PSOE e BNG.

Con esta última iniciativa, neste caso un rogo a comisión, os populares piden a exención ou bonificación dos recibos da auga e recollida do lixo para aqueles negocios que non poden abrir e que, din, podería facerse por diversas vías, como a través “dunha declaración responsable”.

Ramón Carballo agarda que esta medida “por fin teña a aceptación do bigoberno e deixen de poñer escusas como que o Concello de Lugo lanzou un plan de axudas económicas para os sectores afectados, un plan que non chegou a todos os lucenses, xa que non se repartiron todos os fondos consignados, e que non foi suficiente para que cada autónomo puidese facer fronte aos recibos que o Concello pasa a cobro periodicamente”.