Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo propón crear un rexistro de empresas para optar ás contratacións municipais

Por 9 Febreiro, 2021Sin comentarios

A polémica polo suposto abuso dos contratos menores por parte do Concello Lugo semella que chegou para quedarse. Se este luns era Ciudadanos quen acusaba ao equipo de goberno de “absoluto descontrol” no uso desta fórmula, hoxe é o PP quen ataca co mesmo asunto e anuncia que levarán ao vindeiro pleno unha proposición para crear un rexistro de empresas “para evitar que se dividan artificialmente” contratos que terían que tramitarse como unha unidade.

Os populares aseguran que ao longo de 2020 o seu grupo ten detectado como o bigoberno “fixo, como mínimo, oito fraccionamentos de contratos menores de manual” que sumarían 282.378 euros. O vicevoceiro do PP no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, considera que PSOE e BNG “dividiron artificialmente” obras no Vello Cárcere ou obras de reforma no Fogar do transeúnte, así como suministros de material tecnolóxico e audiovisual da Casa dos Mosaicos. Nos tres casos, di,  “os importes que se aboaban  dividíronse para rozar o límite dos contratos menores e evitar así a súa publicidade, impedindo que outras pequenas e medianas empresas puideran acceder a eles”.

O popular insistiu en que “este recurso de contratos menores, no concello de Lugo, é abusivo e non supón ningunha situación vantaxosa para os intereses públicos, ademais de incumprir o principio da libre concurrencia e a igualdade de trato, constituíndo unha barreira burocrática inxustificada para as pequenas e medianas empresas”.

Antonio Ameijide recrimina á alcaldesa e ao vicealcalde que non den explicacións polos 6.7 millóns de euros que “repartiron a dedo” nos 1.343 contratos menores que asinaron o pasado 2020 e adiantou que “pedirán explicacións en comisión de onde están os toldos , sombrillas e cinceiros cos que se amoblou o xardín do CEI Nodus e polas que se pagaron, con contratos menores a dedo, 12.678,30 euros”. “O bigoberno di que non está este material pero na listaxe que eles publicaron figura como pagado, así que urxe aclarar onde están os cartos ou os mobles, ou ben minten ou ben falsean a documentación”, puntualizou.

REXISTRO DE EMPRESAS

Os populares anunciaron que no vindeiro pleno presentarán unha proposición para crear impulsar un rexistro de empresas que frene o uso da fórmula dos contratos menores e evitar que se “dividan artificialmente” contratos que terían que tramitarse como unha unidade.

Este rexistro voluntario e de balde que propón o PP brindaría aos autónomos ou empresas da cidade a posibilidade de anotarse para optar ás contratacións de suministros, obras ou servizos que precise o Concello. “A idea é que  lles chegue inmediatamente, vía telemática, un aviso para que poidan presentar ofertas. Deste xeito conseguiremos un maior aforro para os cidadáns así como dar participación ás empresas e autónomos”, remata Ameijide.