Skip to main content
Lugo

Máis de 530.000 euros para mellorar estradas de 10 parroquias en Lugo

Por 9 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo destinará os máis de 530.000 euros do Plan Único deste ano integramente a melloras no rural. O executivo local levará á xunta de goberno deste mércores a programación, coa que se acometerá o acondicionamento de estradas en 10 parroquias do municipio.

Os traballos levaranse a cabo nas parroquias de Camoira, Tirimol, Pedreda, Santo André de Castro, San Mamede dos Anxos, Calde, San Pedro de Mera, Vilachá de Mera, Prógalo e Poutomillos. Desde o Concello aseguran que “estas actuacións beneficiarán directamente aos preto de 1.600 veciños que viven nestas parroquias, e que utilizan as vías municipais a diario para os seus desprazamentos”.

A alcaldesa, Lara Méndez, lembrou que “no que levamos de mandato, investimos máis de 2 millóns de euros en infraestruturas e servizos do rural, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas, incrementando a seguridade viaria dunha trintena de estradas, ampliando as redes de abastecemento en varios núcleos, así como os puntos de luz, entre outras actuacións”.

Da achega total do Plan Único de Cooperación cos Concellos, a Deputación aportará 500.000 euros e os restantes 32.279,80 achegaraos o Concello.

AS ACTUACIÓNS

Os traballos previstos, no marco do Plan Único, suporán a mellora do firme das seguintes estradas municipais:

  • Estrada municipal que vai da Igrexa de Camoira ao núcleo de Maira. Parroquia de Camoira, con 27.995,08 euros.
  • Estrada municipal dende O Vilardón ao límite municipal co Concello de Outeiro de Rei. Parroquia de Tirimol, con 50.672,77 euros.
  • Estrada municipal da N-640 (estrada de Meira) a Pedreda. Parroquia de Pedreda, con 87.075,63 euros.
  • Estrada municipal de Conturiz a Cardoso. Parroquias de Santo André de Castro e San Mamede dos Anxos, con 96.533,22 euros.
  • Estrada municipal da N-540 á estrada de Bazar e de N-540 ao núcleo de O Corral de Abaixo. Parroquia de Calde, con 69.347,62 euros.
  • Estrada municipal da LU-P-2901 á Igrexa de San Pedro de Mera. Parroquia de San Pedro de Mera, con 19.731,60 euros.
  • Estrada municipal da LU-P-2903 ao Rego do Mera. Parroquia de Vilachá de Mera, con 64.902,26 euros.
  • Estrada municipal da LU-P-2903 a Prógalo. Parroquia de Prógalo, con 39.527,43 euros.
  • Estrada municipal da LU-P-2901 á LU-P2901 en Poutomillos. Parroquia de Poutomillos, con 76.494,19 euros.