Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo comeza a cobrar un milleiro de multas por incumprir as restricións sanitarias

Por 11 Febreiro, 2021Febreiro 14th, 2021Sin comentarios

Control da Policía Local en Lugo

O Concello confirmou que comezará a tramitar o cobro das preto de mil sancións impostas pola Policía Local, dende o pasado mes de xuño, por cometer infraccións á Lei de Saúde de Galicia na que se recollen as medidas de prevención e contención fronte á propagación da covid-19 (a través do Decreto Lei 21/2020, de 9 de xuño).

As administracións locais pasan a exercer esta función, seguindo o criterio do Consello Consultivo de Galicia, co fin de resolver canto antes os expedentes en curso, malia tratarse dunha competencia autonómica “tal e como ratifican os informes emitidos pola Avogacía do Estado”,  segundo lembran dende o Concello.

No caso de Lugo, e ante a “insuficiencia de medios técnicos e de recursos humanos propios” para asumir tal cometido, o trámite foi encargado á empresa que colabora co ente municipal na xestión administrativa e recadación de multas dende o ano 2019. A xunta de goberno local autorizaba este mércores a modificación do contrato en vigor, en tanto “non se require para a realización desta prestación unha habilitación diferente da que xa dispón”.

Asumir a tramitación destas sancións suporá para o Concello de Lugo un custo total de 58.080 euros, uns 40 euros máis ive por cada boletín ou acta tramitada.

AS INFRACCIÓNS

A Policía Local de Lugo detectou, desde o pasado 15 de xuño, un total de 958 incumprimentos das restricións impostas pola Xunta de Galicia para conter a propagación da pandemia.

Das actas levantadas, as máis numerosas foron as 432 por non facer uso da máscara; 149 por realización de botellón; 145 por non respectar o toque de queda nocturno; 105 por entrar e saír no municipio sen xustificación; 42 por exceder a limitación de persoas en grupos ao detectar non conviventes; 37 por fumar en zona pública sen manter a distancia de seguridade interpersoal, 33 por quebrantamento do horario comercial; 12 por superar o aforo en establecementos e 3 por consumir na barra no interior dun local de hostalaría.

Á marxe destas sancións da Policía Local, o Concello de Lugo tramitará tamén todas as interpostas, dentro destas mesmas causas e no ámbito territorial do municipio, polo resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.