Skip to main content
Lugo

Estudantes da USC poderán facer prácticas no Concello de Lugo

Por 11 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Universidade de Santiago (USC) e o Concello de Lugo veñen de asinar un convenio de colaboración para que os alumnos e alumnas desta universidade poidan realizar as súas prácticas académicas nos diferentes departamentos municipais. O convenio terá unha duración de catro anos, que se poden prorrogar, e permitirá ao alumnado perfeccionar os seus coñecementos en tarefas que se adapten aos seus estudos levando a cabo as prácticas no servizos que máis se axeiten á temática da titulación que estén a cursar.

Para a alcaldesa, Lara Méndez, o acordo ten especial relevancia no momento actual, “un momento no que as empresas teñen máis dificultades para acoller alumnos de prácticas, debido á situación sanitaria que estamos a vivir. Así, queremos ofrecer unha oportunidade de formación a todos aqueles alumnos e alumnas que esten a cursar os seus estudos na USC, xa sexa de grao, máster ou postgrao, ao tempo que retemos o talento da universidade na nosa cidade”, asegurou.

O acordo entre o Concello de Lugo e a USC supón a renovación e ampliación dun modelo de colaboración  que xa existía con anterioridade e que se estende a diferentes ámbitos de actuación, como a difusión da cultura e o patrimonio lucense coa xestión, por parte da USC, do museo da Domus do Mitreo, ou colaborando no proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea, e co que o Concello pretende situar a Lugo “á vangarda no deseño das cidades verdes do futuro e na loita contra o cambio climático”.