Skip to main content
Lugo

O PP esixe que se manteña a sala do 091 en Lugo e o Goberno defende o traslado

Por 11 Febreiro, 2021Febreiro 14th, 2021Sin comentarios

Comisaría da Policía Nacional en Lugo

Os deputados nacionais do Partido Popular pola provincia de Lugo esixen a “comparecencia urxente” do director da Policía Nacional para parar o peche da sala 091 de Lugo, prevista para o vindeiro 1 de marzo. Na actualidade, este servizo funciona as 24 horas dos 365 días do ano, e conta con 9 funcionarios que atenden máis de 2.400 chamadas ao mes.

O Goberno notificaba, nunha resolución de decembro de 2020, a intención de clausurar esta sala nas cidades de Lugo e Ourense, pasando a centralizar o servizo na Comisaría da Coruña. Este cambio, segundo os populares, “reduciría significativamente o movemento e a eficacia desta prestación, prexudicando con ela a seguridade en ambas cidades, debido á proximidade e coñecemento que os axentes deben ter da zona de influencia”.

Jaime De Olano e Joaquín García Díez consideran que o servizo do 091 require proximidade “para que o tempo de reacción sexa o máis rápido posible, cun coñecemento exacto de todos os recunchos da cidade”, porque do contrario, din, “haberá rúas de Lugo que non se poidan localizar desde A Coruña, aumentando así o tempo de resposta”.

MOTIVOS ECONÓMICOS

Para os deputados nacionais por Lugo, o peche da sala do 091 en Lugo obedece “única e exclusivamente” a motivos económicos do Goberno, sen ter en conta a importancia dunha resposta rápida e inmediata ao cidadán.

En xaneiro do ano pasado, o Ministerio do Interior aprobaba a suspensión de varias salas do 091 en provincias de Galicia, Castela e León, Castela A Mancha, e  Extremadura. “O Goberno esconde detrás un Plan que non está en vigor desde o 2016, o Programa SIRDEE,  que contemplaba agrupar as chamadas telefónicas das comisarías de ámbito local nas provinciais. Pero nunca pechar os servizos provinciais. Os recortes económicos de Interior é o que fai que novamente se perxudique á España despoboada, dotándoa dunha seguridade de segunda”, aseguran os populares.

O PP xa denunciara en marzo do ano pasado este “agravio” aos lucenses, de aí que agora esixan que se dea marcha atrás ao peche, como xa aconteceu en Salamanca “ante a presión social”. É por iso que reclaman á subdelegada do Goberno e aos deputados socialistas “que defendan Lugo como fixeron os seus compañeiros noutras provincias”.

RESPOSTA DO GOBERNO

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, defendía esta mañá o traslado da sala do 091 de Lugo, asegurando que o cambio suporá rendabilizar as novas tecnoloxías e unha maior presenza policial para atender aos cidadáns, no canto de “collendo chamadas”.

“Coa transformación das salas do 091 en centros intelixentes nos que se centralizan as comunicacións, o que fai a Policía Nacional é o que fan todas as administración modernas: maximizar o aproveitamento dos recursos disponibles, xa que se empregan as facilidades que ofrecen as tecnoloxías para garantir a maior operatividade e eficacia policial ao mesmo tempo que permite a optimización dos medios humanos, dado que se libera persoal que queda dispoñible para poder atender outras necesidades en materia de seguridade. “, asegurou a subdelegada.

Isabel Rodríguez comparou a situación da Policía Nacional coa do 112, tamén cun servizo centralizado de chamadas. “Ou é que os deputados do PP poñen en dúbida o funcionamento do 112?”, preguntou. Ademais, negou calquera “desmantelamento” da Policía Nacional en Lugo e lembrou que o Goberno “está a facer grandes convocatorias de prazas”.