Skip to main content
Lugo

Agromuralla acusa ao Concello de Lugo de enganar aos gandeiros “para gañar eleccións”

Por 12 Febreiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

Explotación gandeira en Muxa

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla acusa ao Concello de Lugo de “non preocuparlle o máis mínimo” o mantemento da actividade agrogandeira no municipio, despois de “denegar a moitos gandeiros” que teñen as súas explotacións no termo municipal o seu dereito a unha bonificación do 50% no pago das licenzas e impostos de obras de mellora dos seus establos.

Agromuralla explica que están a chegar denegadas a unha vintena de gandeiros as solicitudes de devolución destas cantidades, cobradas “indebidamente” polo Concello nos anos 2017, 2018 e 2019, malia que “xusto antes das últimas eleccións municipais os concelleiros responsables de Medio Rural e de Economía e Facenda, ambos do PSOE, se reuniron ata en dúas ocasións cos afectados e, tras recoñecer o erro na redacción das ordenanzas reguladoras e na aplicación das bonificacións, comprometéronse a resolver o problema, algo que agora non cumpren”.

Trátase de cantidades que van dende os 2.000 aos 7.000 euros e que “poñen en risco a viabilidade das granxas”, denuncia Agromuralla, polo que esixen á alcaldesa, Lara Méndez, “que tome cartas no asunto se non quere ser cómplice do engano”. “Se a alcaldesa non resolve este asunto, que se arrastra xa desde fai tres anos, estará mostrando que non lle importa o rural”, asegura a asociación de gandeiros, que pide responsabilidades “pola incompetencia e por mentir e enganar aos gandeiros para gañar as eleccións”.

REBAIXAS NAS LICENZAS DE OBRA

O Concello de Lugo promoveu no ano 2016 unha rebaixa do 50% nas licenzas de obra para construción ou ampliación de explotacións nas 54 parroquias rurais do termo municipal,  co obxectivo de favorecer o desenvolvemento do sector agrogandeiro no municipio pero “esta intención foi só teórica e propagandística”, segundo Agromuralla, porque “á hora da verdade os teóricos beneficiarios, os gandeiros, non se podían acoller ás bonificacións por como estaba redactada a norma”.

As condicións eran “tan surrealistas”, din, que a un gandeiro de nova incorporación á actividade pedíanlle que demostrase que estaba dado de alta na actividade desde facía dous anos, do mesmo xeito que se pedía que quen fixese a obra fose o dono do terreo, o que deixaba fóra aos mozos e mozas que querían mellorar as explotacións dos seus pais.

Esta redacción incongruente da norma, corrixida a partir de 2020, provocou que durante os tres anos anteriores a maioría dos gandeiros que fixeron obras de mellora nos seus establos ou instalacións anexas non puideran facer efectivo o seu dereito á bonificación. Para “tratar de acalar o cabreo dos prexudicados”, lembra Agromuralla, en dúas reunións celebradas cos afectados ás portas das últimas eleccións municipais de 2019, “os concelleiros do PSOE comprometéronse á devolución destes cartos cobrados indebidamente aos gandeiros, algo que non se está a cumprir”.