Skip to main content
Lugo

Ciudadanos denuncia o “perigo medioambiental” do vertedoiro de Bóveda, en Lugo

Por 12 Febreiro, 2021Febreiro 13th, 2021Sin comentarios

Residuos acumulados na antiga canteira

Ciudadanos de Lugo levará ao vindeiro pleno municipal unha proposta na que insta ao Concello a determinar e poñerlle freo ao “impacto sobre o medio natural” da actividade que se leva a cabo na antiga canteira de Santa María de Bóveda.

O concelleiro da formación laranxa en Lugo, Juan Vidal-Pardo, di ter constancia de que, ao longo do pasado ano, “numerosos camións continuaban baleirando o seu contido cara á ladeira sen facer selección dos residuos vertidos, para logo tapalos con terra”. Denuncian que no lugar se están a depositar, sen control algún, envases de plástico, residuos mesturados de construción e demolición, equipos eléctricos e electrónicos e mesmo restos de uralitas de fibrocemento-amianto. Lembran ademais que ao carón da canteira discorre un pequeno afluínte do Miño, “onde acaban por filtración todos os axentes contaminantes que se verten incontroladamente”.

Ciudadanos sostén que a situación do presunto vertedoiro ilegal se mantén no tempo “polo que pode chegar a supoñer unha infracción administrativa cualificada como moi grave”. De aí que no vindeiro pleno municipal instarán ao goberno local a que “deixe de mirar para outro lado e que leve a cabo todas as xestións necesarias para evitar este dano sobre o noso medio”.

A formación laranxa pedirá ademais que o Concello encargue un estudo “para determinar o impacto real desa actividade sobre o medio e sobre a saúde dos veciños e veciñas”.