Skip to main content
Lugo

A primeira edición do ‘Muramiñae Rehabilita’ remata con 3 insercións laborais

Por 13 Febreiro, 2021Sin comentarios

Videoconferencia da alcaldesa cos participantes no programa

Vén de rematar a primeira edición do programa socio-laboral ‘Muramiñae Rehabilita’, co que o Concello de Lugo ofreceu formación e capacitación a 27 persoas, 24 delas pertencentes a colectivos vulnerables, ao tempo que levaron a cabo obras de mellora nos barrios da cidade que integran a zona DUSI.

A alcaldesa de Lugo mantivo este venres unha videoconferencia cos participantes no programa, co obxecto de felicitalos polo traballo levado a cabo e animalos a seguir formándose. “Quero agradecervos a vosa implicación e o voso esforzo para que esta primeira edición resultase un éxito. O obxectivo agora é que toda esa aprendizaxe e experiencia que acumulastes nos últimos meses vos sirva para atopar unha oportunidade laboral”, apuntou.

Neste senso, Lara Méndez amosou a súa satisfacción porque tres dos participantes conseguiron incorporarse ao mercado laboral.  “Gracias á formación recibida, tres participantes van a comezar a traballar xa nunha empresa de Lugo, despois de pasar un proceso selectivo, mentres que o resto comezarán agora unha segunda fase de asesoramento, a través da cal se lles prestará axuda para atopar un posto de traballo”, explicou.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

De igual xeito, a rexedora remarcou que “co voso traballo contribuístes a poñer en valor distintos puntos da cidade, axudando a mellorar o patrimonio lucense, outro dos grandes obxectivos que tiña esta programación”. Nese senso, o Concello puxera en marcha unha campaña de participación cidadá para a elección dos traballos a realizar, a través da que os lucenses puideron achegar as súas propostas e peticións. Unha vez seleccionadas, distribuíuse aos participantes en tres brigadas: de albanelería e pavimentación, xardinería e arranxos ambientais, e de mobiliario e infraestruturas urbanas, que foron as encargadas de executar as obras.

Durante seis meses, realizaron traballos no Parque Rosalía de Castro, no paseo do Miño e a leira análoga do Pazo de Feiras, no parque de O Castiñeiro e de Simón Bolívar, e na rúa Garañón, entre outras ubicacións. De xeito complementario, realizouse un inventario dos bolardos existentes na zona da Milagrosa, dos farois do Parque Rosalía de Castro e de todo o mobiliario urbano existente dentro da zona de actuación da  EDUSI.

O plan Muramiñae Rehabilita está integrado no programa Dusi Muramiñae, unha estratexia financiada polo Concello de Lugo ao 20% e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea ao 80%. O obxectivo desta estratexia é unir á cidade e o río a través da zona do Carmen e integrar o contorno fluvial na trama urbana, conseguindo unha cidade “máis verde, sostible e amable”.