Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo reclama accións para frear o peche de comercios no centro

Por 15 Febreiro, 2021Sin comentarios

O PP de Lugo vén de solicitarlle ao goberno local que poña en marcha unha serie de medidas para axudar á hostalería e aos pequenos comercios do municipio a facer fronte ás dificultades económicas derivadas da actual situación sanitaria. Aseguran que o 40% dos locais do casco histórico e das principais rúas comerciais de Lugo están pechados. A situación sería especialmente notable, din, en rúas como San Fernando, co 83% dos locais baleiros, ou Bolaño Ribadeneira, onde case a metade dos baixos comerciais estarían inutilizados.

Ante esta situación, os populares demandan un “esforzo titánico” por parte do Concello, e plantéxanlle ao equipo de goberno un “decálogo de medidas de apoio” ao sector. Entre esas propostas, figura a concesión de axudas para pagar o alugueiro dos locais, exencións ou bonificacións nos recibos municipais, subvencións para a transformación dixital e mesmo bonificacións no IBI para propietarios de locais pechados que “cedan os escaparates para que o Concello coloque vinilos que promocionen o consumo local ou que sirvan para potenciar os recursos turísticos do municipio”.

De igual xeito, dende o PP ven oportuno reunir de xeito periódico a Mesa Local de Comercio, “para que funcione como unha canle eficaz de intercambio de información e propostas cos representantes do comercio local”.

No decálogo de medidas apostan tamén por mellorar o aparcamento e accesibilidade nas zonas comerciais, revisar as zonas de carga e descarga no centro histórico “para que as operacións sexan máis áxiles”, e implantar o novo transporte público de balde.