Skip to main content
Lugo

Seguen as reaccións contrarias ao inminente peche da sala do 091 en Lugo

Por 16 Febreiro, 2021Febreiro 17th, 2021Sin comentarios

O inminente peche da sala do 091 da Policía Nacional en Lugo, previsto para o vindeiro 1 de marzo, co fin de centralizar a atención das chamadas na Xefatura Provincial da Coruña, segue a xerar reaccións no municipio.

Se nos últimos días trascendían as posturas contrarias ao traslado por parte dos deputados nacionais por Lugo -que mesmo solicitaron a comparecencia no Congreso do director xeral da Policía Nacional-, dos propios sindicatos policiais ou da asociación ‘Si, Hai Saída’ de atención a mulleres maltratadas, que amosaba a súa preocupación polas consecuencias que o cambio pode ter sobre a atención ás vítimas de violencia de xénero, agora son os representantes veciñais os que manifestan o seu “rotundo rexeitamento” a esta decisión.

Representantes da Federación de Asociacións de Veciños ‘Lucus Augusti’ reuníronse este luns con representantes do Sindicato Unificado de Policía (SUP) e da UFP (Unión Federal de Policía) para amosarlles o seu apoio en contra do peche da sala do 091 na comisaría de Lugo, porque suporá “a perda irremediable de inmediatez e eficacia” na resposta policial.

Para os representantes veciñais, nos casos de emerxencia a atención “debe prestala un axente que coñeza axeitadamente a ubicación xeográfica dende onde recibe a chamada e esta circunstancia pérdese coa centralización do servizo”. Se o obxectivo é ampliar a presenza de efectivos policiais nas rúas, din, instan ao Goberno a “cubrir as vacantes existentes” e propoñen que sexan os axentes máis veteranos, “que xa non realicen servizos na rúa”, os que se encarguen de atender as chamadas do 091.

COMPARECENCIA NO SENADO

Tamén o senador lucense José Manuel Barreiro vén de amosar o seu rexeitamento ao peche da sala do 091 en Lugo, ao tempo que reclamou ao Goberno central “máis consideración” con Galicia en xeral e con Lugo, en particular.

Na súa opinión “é intolerable” que Lugo perda “un servizo fundamental” para a seguridade. “Non podemos admitir iso, e do mesmo xeito que os compañeiros do Congreso pediron a comparecencia dos responsables de Interior, nós faremos o mesmo no Senado e esixiremos que Lugo manteña un servizo que é clave para a seguridade e tranquilidade dos nosos veciños”, adiantou.

O GOBERNO MANTENSE FIRME

Fronte ás manifestacións contrarias ao peche da sala na comisaría lucense, o Goberno mantense firme na súa decisión e segue a defender as “vantaxes” deste cambio.

O delegado do Goberno, Javier Losada, insiste en que “a eficacia policial está garantida e a atención aos cidadáns non se resentirá pola centralización da sala do 091”. Exemplos de que o servizo non se resinte están,  dixo, no traslado que xa se fixo o ano pasado coas salas de Ferrol e Santiago ou, no ano 2017, cando foron suprimidas as salas nas comisarías de Monforte e Viveiro. “A seguridade non se resentirá e Lugo non perderá funcionarios de policía, xa que aumentará o número de axentes na rúa e en labores de investigación”, explicou.

Javier Losada lembrou ademais que o traslado do servizo do 091 é unha nova fase “dun plan posto en marcha no seu día polo Goberno de Rajoy”.  A centralización do servizo tería como fin “a optimización de recursos e as vantaxes que nos ofrecen as novas tecnoloxías, como acontece con outros teléfonos de servizos de emerxencias que, como o 112, atenden perfectamente aos cidadáns funcionando de xeito centralizado”, rematou Losada.