Skip to main content
Lugo

Ciudadanos propón crear un ‘bono cultural’ para dinamizar o sector en Lugo

Por 17 Febreiro, 2021Sin comentarios

Crear un bono para que os mozos e as persoas xubiladas de Lugo poidan acceder de xeito máis económico á oferta cultural do municipio. Esa é a proposta que Ciudadanos de Lugo levará ao vindeiro pleno municipal co obxecto de dinamizar un sector especialmente danado pola actual situación sanitaria. A formación laranxa proporá que os orzamentos municipais de 2022 destinen xa unha partida específica para a creación deses ‘bonos culturais’, que serían dun máximo de 100 euros ao ano.

Como apunta a voceira de Ciudadanos, Olga Louzao: “os museos, os cines e as  bibliotecas sufriron peches, e tamén se aprazaron ou mesmo cancelaron todo tipo de actuacións relacionadas con este ámbito: obras de teatro, festivais, concertos, exposicións itinerantes e outro tipo de espectáculos, tanto en espazos públicos como privados. A cultura pasou a gozarse doutro xeito: dentro dos nosos fogares. Segundo un estudio publicado polo Observatorio da Cultura Galega, o emprego neste ámbito reduciuse nun 5,5%. Tres de cada 100 empregados en Galicia  dedícanse ao sector cultural, que representa o 2% do PIB galego. O 98,5% son pemes, e máis da metade non teñen asalariados, porque son actividades de autoemprego”.

A día de hoxe, no Concello de Lugo hai censados 13.199 mozos e mozas entre 16 e 30 anos, e 22.404 persoas maiores de 65 anos, polo que, segundo Olga Louzao, “destinar 100 euros anuais a esta finalidade sería unha cantidade perfectamente asumible”. As axudas poderían artellarse, di, “mediante vales dunha cantidade determinada, cunha tarxeta moedeiro, cunha axuda directa ou con descontos prefixados para o consumo de determinados produtos ou eventos”.

Para Ciudadanos, “é preciso facilitar e fomentar o acceso á distinta e variada oferta cultural, incentivando o seu interese por todas as actividades que teñen preto deles. Ademais, deste modo, incrementarase a asistencia aos espazos culturais, á vez que se contribúe a fortalecer o tecido laboral e empresarial do sector das industrias culturais, ao promover o consumo destes produtos”.

Propoñen que poidan tamén formar parte do programa todos aqueles establecementos, públicos ou privados, ou calquera actividade ligada ao mundo da cultura que así o desexe “para ofrecer un abano máis amplo de oportunidades para as persoas beneficiarias e para dar a coñecer as múltiples opcións existentes na nosa cidade”, concluíu Louzao.