Skip to main content
Lugo

En marcha o proxecto para transformar a Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba

Por 19 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo da novos pasos na peonalización da Ronda da Muralla coa presentación, este venres, do proxecto que transformará a Ronda, no tramo comprendido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba.

O tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, explicou que “no 2020 habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento, e este ano damos un paso máis, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”. Arroxo salientou que esta actuación “permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

No treito que se vai transformar instalaranse 9 luminarias LED tipo RGB, que permitirán variar a luminosidade da Muralla segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás.  En canto á circulación do tráfico, o tenente de alcalde avanzou que os vehículos contarán “con maior fluidez”, ao modificarse o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago. Este cruce pasará de ter un semáforo de 3 tempos a ter preferencia o tráfico que circule pola ronda, tendo un ceda o paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

A actuación prevista neste tramo da Ronda sairá a licitación cun orzamento base de 575.990,77 euros, e un prazo de realización de 6 meses. “Unha vez rematen esta actuación e a peonalización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, concluíu Arroxo.

Recreación de como quedará a zona da Porta de Santiago