Skip to main content
Lugo

Denuncian o “estado lamentable” do barrio da Garaballa

Por 22 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Federación de Asociacións de Veciños ‘Lucus Augusti’ de Lugo vén de facer públicas as queixas que lles trasladaron os veciños do barrio da Garaballa, na capital, debido ao “estado lamentable” das rúas. Reclaman actuacións “urxentes” para realizar melloras no referente ao alumeado e o pavimento.

Neste senso, e a través dun escrito remitido á Concellería de Vías e Obras, o colectivo veciñal reclama a substitución da iluminación actual “moi escasa e obsoleta” por outra máis moderna, “de maior potencia lumínica e menor custe”. Consideran que esta renovación é necesaria en todo o barrio, pero especialmente na rúa Garaballa de Arriba, “onde o alumeado é particularmente deficiente”.

De igual xeito, piden que se asfalte o vial que une a rúa Garaballa de Arriba e o polígono industrial do Ceao e que se constrúan beirarrúas, “moi necesarias para garantir a seguridade dos peóns que diariamente circulan pola zona”, din.

A federación de asociacións veciñais solicita ao goberno local que atenda estas “necesidades urxentes” con cargo aos orzamentos municipais deste ano.

Vial sen asfaltar entre A Garaballa e O Ceao