Skip to main content
Lugo

Melloran a carpa do Mercado Tradicional de Lugo tralas queixas dos vendedores

Por 22 Febreiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo confirmou este luns que están a realizar melloras na carpa que habilitaron na praza da Soidade co fin de acoller o Mercado Tradicional mentras se executan os traballos de rehabilitación no soto da Praza de Abastos. En concreto, estase a dotar o espazo dun maior número de conexións de electricidade ao tempo que se aumenta a capacidade do recinto.

Esta actuación lévase a cabo despois das queixas xeradas o pasado venres, primeiro día de celebración do mercado na nova ubicación. Os vendedores trasladaron naquel momento á concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, o seu descontento pola falta de enganches de luz e polo propio espazo. Dicían sentirse apiñados dentro da carpa en plena pandemia sanitaria e, por riba, os vendedores de plantas non tiñan sitio para meter algúns exemplares que venden, como árbores pequenas. Neste caso, o Concello permitiralles a partires de agora montar os seus propios postos fóra da carpa.

A carpa habilitada na Praza da Soidade

A edil Cristina López explicou que “queremos facilitar que o Mercado Tradicional se poida celebrar cada semana nesta ubicación temporal sen supoñer molestias tanto para as vendedoras como para a veciñanza que se achega a mercar, adaptando as instalacións ás necesidades reais das vendedoras e vendedores”.

O Mercado Tradicional volverase a celebrar mañá na praza da Soidade. Realízase todas as mañás dos martes e dos venres, entre as 8:30 e as 14:30 horas.