Skip to main content
Lugo

Urxen a posta en funcionamento do auditorio de Magoi e o Concello alega “deficiencias” na recepción

Por 23 Febreiro, 2021Febreiro 24th, 2021Sin comentarios

O PP de Lugo quixo facer visible hoxe o “abandono” que sofre o novo auditorio de Magoi por parte do goberno local, e fíxoo cun contador dixital no que se marcan os 240 días que pasaron desde que o Concello de Lugo recibiu a infraestrutura por parte da Xunta.

Os populares adiantaron que, cada mes, coincidindo coa data de entrega do inmoble que foi o 23 de xuño de 2020, farán “accións de denuncia pública” para reclamar a apertura e a posta en funcionamento do auditorio.

Para o vicevoceiro do PP, Antonio Ameijide, “todo apunta a que PSOE e BNG teñen medo a abrir o auditorio porque non teñen ningún plan nin saben que contido lle van dar”, e engadía que “non sabemos de que depende, estarán repartindo os contratos a dedo que van dar para o PSOE e para a rede de afíns do BNG en cultura”.

Concelleiros populares, co contador dixital

Pola súa banda, a concelleira Beatriz Vázquez apuntou que “cada día que pasa empeora tanto a situación exterior do edificio, que ofrece unha imaxe desanxelada, como no seu interior onde a falta de ventilación e mantemento está provocando danos ao edificio que logo teremos que pagar todos os lucenses”.

Os populares entenden que, nestes tempos marcados pola pandemia, o auditorio de Magoi suporía “unha magnífica estrutura” para controlar o aforo e dar cumprimento ás medidas sanitarias de seguridade. Recriminan ademais que o goberno local “se peche en banda e nin tan sequera accedesen á petición” que o grupo municipal fixo en comisión para retirar o peche perimetral do edificio. Con este “simple xesto”, din, “gañaríase espazo para os veciños do barrio” mentras non se pon en funcionamento a dotación.

O novo auditorio de Lugo ten case 20.000 metros cadrados repartidos en diferentes salas, unha delas con capacidade para 900 espectadores.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

O Goberno local amosa a súa “estrañeza” polo posicionamento do Partido Popular xa que o auditorio “non está en condicións de abrir ao público”. E non o está, din, “porque a Xunta de Galicia entregou o edificio e as instalacións, tras 15 anos de espera, cunha serie de carencias e deficiencias que deberán solucionarse antes da súa apertura para garantir a seguridade dos usuarios”.

Aseguran ademais que, xa nunha primeira valoración técnica, se estimaba “en máis de 300.000 euros” o investimento que debería acometer o Concello, para “solucionar as deficiencias”, antes da inauguración e posta en funcionamento do auditorio.

Neste senso, os primeiros traballos centráronse en todas as instalacións e nos danos de carácter construtivo da infraestrutura, uns traballos que foron “o punto de partida” para a redacción dun proxecto que recolla as actuacións que hai que acometer para a posta en marcha das distintas instalacións, as reparacións que precisa o edificio, así como a súa contorna, “pois, como se pode comprobar, a urbanización da parcela é inexistente”. O Concello agarda que este traballo esté listo neste mesmo mes de febreiro. A partires de aí, din, iniciarase a licitación das obras e, unha vez executadas, será cando se poida  usar a instalación con seguridade.

“A nosa vontade segue sendo a de poñer en marcha o Auditorio ao servizo de toda a cidadanía canto antes, axilizando a tramitación precisa, pero sempre garantindo a seguridade dos e das lucenses”, conclúen desde o goberno local.