Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo solicitará á Xunta que o aparcamento do HULA sexa gratuíto

Por 26 Febreiro, 2021Sin comentarios

O pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves, cos votos a favor de PSOE e BNG, unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia que o aparcamento do HULA pase a ser de balde, agora que a concesión finalizou. O PP votou en contra da proposta e Ciudadanos abstívose. Ambas as dúas formacións presentaran cadansúa enmenda, que non foron aceptadas, no senso de pedir unha rebaixa das actuais tarifas.

O voceiro socialistas, Miguel Fernández, argumentou a petición en que o terreo onde se construíu o hospital foi unha cesión gratuíta do Concello ao Goberno autonómico e asegurou que as súas tarifas son “das máis altas de Galicia” e repercuten negativamente na economía dos lucenses.

PERRUQUERÍAS

O pleno aprobou tamén, neste caso co respaldo unánime da corporación, senllas mocións do PP e do BNG para instar ao Goberno central a reducir o Ive para as perruquerías, barberías e salóns de estética, do 21 ao 10%.

Entre os asuntos que non sairon adiante figura a moción dos populares na que solicitaban a constitución dunha comisión de investigación sobre a Fábrica da Luz. PSOE e BNG desestimaron a urxencia da moción, polo que non se chegou a debater.  O PP adiantou que volverá levar esta proposta ao vindeiro pleno, mentras que a alcaldesa, Lara Méndez, alegou que non procedía a proposta porque xa está iniciado o procedemento para aboar os 2,4 millóns.