Skip to main content
Lugo

Novas liñas de bus urbano en Lugo

Por 26 Febreiro, 2021Sin comentarios

Lugo terá novas liñas de transporte público en vindeiras datas. O proxecto, que foi deseñado pola área de Mobilidade do Concello e que recibiu máis dun milleiro de achegas de veciños e veciñas do municipio, presentouse esta mañá aos integrantes da Mesa de Transporte Público.

Antes da posta en  marcha das novas liñas, o Concello fará unha campaña de promoción das mesmas “para que toda a veciñanza planifique a nova mobilidade de Lugo”, segundo anunciou o tenente de alcalde e responsable da área de Mobilidade, Rubén Arroxo.

AS NOVAS LIÑAS

O novo proxecto de transporte público está formado por 22 liñas, cubertas por 21 buses. Rubén Arroxo explicou que haberá “catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade”. As conexións das distintas zonas, como o eixo Norte-Sur -que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid-, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos.

A unión do Campus con Fontiñas terá unha frecuencia de 30 minutos, e contará con catro liñas realizando esta conexión. A unión da cidade co entorno da UNED terá unha frecuencia de 30 minutos.

Os distintos barrios melloran as frecuencias de conexión co centro da cidade, pasando da hora entre cada volta que hai actualmente, a 30 minutos cando entren en funcionamento as novas liñas.

O HULA gañará conexións con Fontiñas, a zona sur da cidade e a avenida das Américas, que co modelo actual non teñen transporte directo. As novas liñas permitirán conectar de xeito directo o hospital coas zonas de Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro.

Un total de 12 liñas conectarán cada hora o centro da cidade co entorno do río, en catro puntos distintos. Cada 15 minutos pasará un bus das liñas pola pasarela en fronte do Pazo Universitario. O barrio da ponte estará cuberto tamén por este novo proxecto de liñas, que pasará cada 30 minutos. A Fábrica da Luz e o parque da UNED, onde se accede á desembocadura do Rato co Miño, terán tamén unha frecuencia de 30 minutos.

Rubén Arroxo afirmou que “as conexións da cidade co río, xunto co HULA, eran as solicitudes máis requeridas polas veciñas e veciños para este novo modelo de transporte urbano e demos solución”.

Nos polígonos do CEAO e das Gándaras mellorarase tamén as conexións, quedando ambas áreas industriais co barrio de Fontiñas e o sur da cidade, cun total de seis liñas que entre os seus percorridos inclúen a unha das zonas industriais e dúas que pasan por ambas, unindo as áreas industriais de xeito directo con zonas como Fingoi, o Campus Universitario, Fontiñas, Magoi, Avenida das Américas e coa zona centro. Ao mesmo tempo, a zona rural manterá o servizo contando con catro liñas de transporte público.

O tenente de alcalde presentou a proposta aos concelleiros e concelleiras representantes do resto de grupos municipais na Mesa de Transporte Público e agradeceu a súa “implicación e actitude propositiva” na confección das novas liñas.

O PP PIDE A GRATUIDADE PARA ALGÚNS COLECTIVOS

Os populares agradeceron aos nacionalistas a modificación de varias liñas, ao tempo que reclamaron que se de cumprimento ao acordo de pleno da iniciativa na que solicitaban que os autobuses urbanos de Lugo fosen gratuítos para os menores de 18 anos, xubilados, pensionistas, parados e familias con escasos recursos.