Skip to main content
Navia de Suarna

Paso adiante para a apertura da residencia de maiores de Navia

Por 5 Febreiro, 2021Febreiro 17th, 2021Sin comentarios

Vista de Navia de Suarna

O proxecto da residencia de maiores de Navia de Suarna dá un paso máis. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reafirmou este venres o seu compromiso de abrir o centro este ano, trala aprobación do convenio marco de colaboración entre a Deputación e mailo Concello de Navia para a posta en marcha da residencia.

Este acordo, segundo o presidente da Deputación, “establece a xestión pública do centro de maiores e, tamén, que no acceso ás prazas terán preferencia os veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo, persoas dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo, os veciños do resto da provincia”. Esto fai posible, dixo, “un dos obxectivos fundamentais da nosa rede de residencias públicas, que as persoas maiores manteñan o arraigo, permanecendo no lugar ou na comarca na que viviron toda a vida”.

O convenio marco que se vén de aprobar recolle que cada administración se compromete a axudar no financiamento do custe das prazas. En concreto, a Deputación asumirá o 75% da diferenza entre o custe efectivo do servizo e o prezo que pagarán os usuarios e, o restante, o 25%, correrá a conta do Concello de Navia. Deste xeito, todas as persoas poderán optar a unha praza, independentemente da súa situación económica, xa que pagarán en función dos seus recursos. Así mesmo, a institución provincial será quen actúe como órgano de contratación e creará un equipo técnico especializado nos servizos sociais.

En función deste acordo, Deputación e Concello asumen ademais o compromiso de reclamarlle á Xunta de Galicia o custe das prazas, “é dicir, reclamarlle á Xunta que cumpra a Lei de Servizos Sociais de Galicia, no artigo 65 bis, que obriga á comunidade autónoma a asinar convenios de colaboración coas entidades locais para a creación, a xestión e o mantemento dos servizos sociais”, explicou Tomé.

A Deputación de Lugo investiu un millón de euros na construción do Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, e o Concello achegou 200.000€. O centro, no que  falta rematar o equipamento, contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día.

Na actualidade, a Deputación de Lugo ten en funcionamento 5 residencias de maiores nas localidades de Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde, e , ademais da de Navia de Suarna, ten a previsión de contar a finais deste ano cas de Pedrafita do Cebreiro e Meira.