Skip to main content
Palas de Rei

Iniciada a reforma da zona de xogos do CEIP de Palas de Rei, que será de uso público

Por 25 Febreiro, 2021Sin comentarios

A Xunta de Galicia vén de iniciar as obras para dotar dunha cuberta ao patio de xogos infantís do CEIP de Palas de Rei. A actuación, que conta cun investimento de 42.000 euros, suporá construír unha estrutura con cuberta metálica para facer o espazo máis práctico e cómodo.

O alcalde do municipio, Pablo Taboada, visitou este xoves o colexio acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen explicou que a nova instalación “permitirá aos nenos e nenas desfrutar do parque durante máis tempo, xa que estarán resgardados das distintas incidencias do clima, como a chuvia ou o sol excesivo”.

Arias e Taboada, na visita ao colexio

O Concello de Palas de Rei prevé completar posteriormente esta intervención no patio de xogos do centro educativo coa colocación dun pavimento de caucho para minimizar os impactos en caso de caída. Ademais, o parque infantil non será de uso exclusivo do alumnado do centro educativo senón que se abrirá ao público.

EFICIENCIA ENERXÉTICA

No CEIP de Palas de Rei estanse a realizar tamén traballos para mellorar a súa eficiencia enerxética. A actuación, que se iniciou o pasado mes de outubro, conta cun investimento de 243.000 euros do Goberno autonómico.

A finalidade do proxecto é mellorar o illamento do edificio mediante a renovación das carpinterías exteriores, falsos teitos, canlóns e baixantes, entre outros elementos, para evitar tanto a entrada de humidades como de aire. Tamén se promove o aforro enerxético mediante a substitución do sistema de iluminación por equipos LED de baixo consumo.

Xa finalizaron as actuacións no interior do recinto escolar e unicamente queda pendente o pintado exterior, que se acometerá en canto as condicións meteorolóxicas sexan favorables.