Skip to main content
Portomarín

Portomarín estuda proxectos para mobilizar as terras abandonadas

Por 17 Febreiro, 2021Sin comentarios

O alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, vén de reunirse co conselleiro do Medio Rural, José González, para analizar os distintos instrumentos de mobilización que contempla a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para avaliar as posibilidades que ofrecen no municipio figuras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta.

Esta norma ten como principal obxectivo, segundo explicou o representante do Goberno autonómico, promover a recuperación da terra abandonada ou infrautilizada para devolvela á produción e darlle base territorial a quen a desexe traballar. Desta forma, dixo, preténdese revitalizar o rural ao abeiro dos seus tres usos fundamentais -agrícola, gandeiro e forestal- e traballar así pola recuperación demográfica, pola mellora da calidade de vida da poboación e pola anticipación aos incendios.

No encontro, ambos dirixentes analizaron tamén a necesidade de mellora das infraestruturas rurais do concello. Nesta liña, lembraron o orzamento de 48.000 euros consignados a Portomarín, ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), para reafirmar o camiño de acceso ao núcleo de Pardellas.

Doutra banda, dentro do Plan marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Portomarín ten outorgada unha contía de algo máis de 45.000 euros. Na anterior edición, xa se lle asignaran máis de 35.000 euros para o mantemento e mellora do acceso ao núcleo do Vilar. Esta liña de achegas pretende favorecer o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son as canles de entrada e saída das producións rurais, contribuíndo non só á accesibilidade e vertebración do territorio, senón tamén ao aumento da competitividade agraria e forestal.